Escoitar

Vigo súmase este sábado á Hora do Planeta apagando as luces dalgúns edificios, rúas e fontes

O Concello iluminará con luces azuis o próximo 21 de marzo, Día Mundial da Síndrome de Down, as fontes da rúa Aragón, unha petición feita pola asociación viguesa para reivindicar os dereitos das persoas que conforman este colectivo. A iluminación de varios edificios municipais, fontes e rúas permanecerá apagada este sábado para concienciar sobre a necesidade do aforro enerxético.

xoves, 17 mar 2016
O rexedor anunciou que o Concello de Vigo participará na Hora do Planeta, unha campaña de ámbito internacional desenvolvida polo Fondo Mundial para a Natureza, que supoñerá o apagado das luces de varios edificios e rúas entre as 20:30 e as 21:30 horas deste sábado 19 de marzo. Durante unha hora permanecerán apagadas as luces do Concello, na Praza do Rei, as da fachada do edificio Municipal do Areal e o entorno, así como as da fonte da Praza de España, a fonte e a pérgola da rúa Aragón e a fonte da Gran Vía. Para Caballero esta é a maneira coa que "queremos cooperar para o aforro enerxético".

Ademais, o goberno local conmemora o Día Mundial da Síndrome de Down o próximo 21 de marzo aceptando a solicitude realizada pola asociación viguesa que quere que se iluminen con luces azuis as fontes da rúa Aragón durante a tarde-noite desa xornada. Con este xesto, o Concello súmase á reivindicación dunha data que, segundo o alcalde, debe servir para "poñer en valor os dereitos das persoas que conforman este colectivo".