Caballero anima á cidadanía viguesa a asistir á Mostra de Encaixe de Camariñas
O alcalde de Vigo achegouse este mércores ao edificio municipal de Areal, onde se presentou, coa presenza do rexedor do municipio coruñés, a XXVI Mostra de Encaixe de Camariñas -que se celebra do 23 ao 27 de marzo, de 11 a 21 horas-. O programa inclúe desfiles, concertos, visitas guiadas e actividades deportivas.
Abel Caballero deulle esta mañá a benvida a Vigo a unha delegación da localidade coruñesa de Camariñas que, acompañada da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou a XXVI Mostra de Encaixe. Na súa intervención, o alcalde de Vigo dirixiuse especialmente as dúas palilleiras que amosaban o seu traballo "porque é unha honra contar na cidade con dúas representantes de séculos de tradición da mellor artesanía do mundo". O rexedor animou a toda a cidadanía viguesa a achegarse a unha mostra que se celebrará en Camariñas entre o 23 e o 27 de marzo e que contará con desfiles, concertos, visitas guiadas e actividades deportivas. Na presentación tamén participaron Manuel "Pichurri" Alonso, alcalde de Camariñas e Sandra Insua, concelleira delegada de Enxaixe e Servizos Sociais.
Descargar todas as imaxes