Escoitar

Vigo estrea este mércores o filme colaborativo de "Cinema e Muller", dirixido por dez mulleres

O alcalde, Abel Caballero, e a presidenta provincial, Carmela Silva, presentaron este mércores a proxeción do filme colaborativo da iniciativa "Cinema e Muller", unha proposta multidisciplinar que procura dar visibilidade á creación artística das mulleres a través de proxeccións, charlas e desta película, conformada por dez microcurtas dirixidas por cineastas, que se estrea este mércores, ás 20:30h no Auditorio Municipal do Concello.

mércores, 16 mar 2016
1458136554cine.JPG
No acto se presentaron algunhas das curtas creadas para a ocasión, coa presenza e participaron das cineastas encargadas da dirección das mesmas, ademais da tenente de alcalde viguesa e presidenta provincial, Carmela Silva, e do alcalde de Vigo, Abel Caballero, quen agradeceu a todas elas, en nome da cidadanía viguesa, o seu "traballo excepcional" e manifestouse sentirse "representado e interpretado" polos seus discursos.

Silva, pola súa banda, animou ás viguesas e aos vigueses a encher o Auditorio Municipal de Vigo este mércores para ver unha obra "dun altísimo nivel, de enorme calidade, con contidos que nos obrigan á reflexionar" a través do cine. A presidenta valorou que Vigo sexa unha "cidade comprometida, que entende que as mulleres temos que ocupar o espazo que nos corresponde, nin máis nin menos" e apuntou que "unha das maiores prioridades políticas das administraciones" ten que ser a visibilización da muller e da súa obra, punto de orixe do proxecto "Cinema e Muller". Concluíu Silva agradecendo ao alcalde de Vigo por ter un discurso da igualdade e apoiar esta iniciativa.

Este mércores, ás 20:30 horas no Auditorio Municipal do Concello, estréase o filme colaborativo, duns 45 minutos e composto pola suma de dez microcurtas de temática de xénero dirixidas por outras tantas cineastas da provincia. Mañá xoves proxectarase no auditorio do Museo de Pontevedra.

Cinema e Muller
Ademais da creación das curtas e do filme, a proposta inclúe un ciclo de charlas e proxeccións sobre mulleres, cine e feminismo. Editarase tamén un DVD cun folleto explicativo que se divulgará por mostras e festivais, ademais de ser remitido a institucións, colectivos, centros educativos, bibliotecas públicas e asociacións que o soliciten.

Ademais, xa se teñen celebrado sendas mostras de cine en Pontevedra (11 e 12 de marzo) e en Vigo (14 e 15 de marzo, no Auditorio do Concello), cun notable éxito de público, segundo subliñou Carmela Silva.

Este proxecto complétase cun ciclo de charlas, o 17 e o 18 de marzo, de 10:30 a 14 horas, no Museo de Arte Contemporánea de Vigo. Cada sesión contará con tres charlas de especialistas e debate, para concluir coa proxección da película colaborativa. Trátase de facer unha aproximación teórica ao tempo que se proxectan traballos de cineastas da provincia. O ciclo de charlas pecharase cunha festa de mulleres creadoras, con proxeccións e sesións de música e audiovisuais, o venres 18 de marzo ás 21 horas, no entorno da Colexiata de Vigo.
Descargar todas as imaxes