Escoitar

Exposición "RETALLOS DA NOSA HISTORIA" na Casa Galega da Cultura

O xoves, 17 de marzo, ás 20:00 h, terá lugar na sala de exposicións da Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, 2), a inauguración da mostra "Retallos da nosa Historia", integrada nos actos da Reconquista da Vila de Vigo, organizados pola AVC do Casco Vello, coa colaboración do Concello de Vigo.

xoves, 17 mar 2016
1458221334retallos.jpg
O obxectivo desta exposición é dar a coñecer pequenos retallos da nosa historia que unidos formen unha imaxen de como vivían os nosos devanceiros hai máis de cen anos, e por suposto como vestían. A mostra recrea dúas actividades cotiás do rural: lavar a roupa nun pío ou lavadoiro, o que se denominaba "Ir ao río"; e a depensa do campo, o canastro, canizo, hórreo, etc, dependendo da zona onde nos atopasemos.

A exposición está comisariada por Patricia González Iglesias, formada como deseñadora de moda e patronista-escaladora. Crea o seu propio obradoiro de costura hai case 17 anos, onde investiga, deseña e confecciona artesanalmente traxes tradicionais, fundas para instrumentos a medida, vestidos para gaitas... Dende hai anos, é a profesora responsable do curso de costura tradicional da Asociación Veciñal do Casco Vello de Vigo, así como do asesoramento e confección do vestiario da representación da Festa da Reconquista da Vila de Vigo. Posuidora de diversas distincións, tales como Certame de Xóvenes Deseñadores de Camariñas, Certame de Promoción da Moda Vigoferia e Mostra de Novos Creadores de Moda da Xunta de Galicia, ten tamén participado en conferencias e exposicións (A Reconquista de Vigo no Museo Quiñones de León, Mostra do Traxe Tradicional Galego no Casco Vello do Concello de Vigo, etc.).

A exposición conta coa participación de creadores escenógrafos, estudantes desta arte na ESAD de Galicia, xa que Vigo foi a cidade que viu nacer aos primeiros titulados superiores de Galicia nesta disciplina, que goza dun prestixio e dun recoñecemento importante a nivel internacional.

A exposición permanecerá aberta ao público ata o 3 de abril, e contará con horarios de apertura especiais o sábado 2 e domingo 3 (de 11:00 h a 14:00 h e de 17:00 h a 21:00 h).
Descargar todas as imaxes

Máis información