Escoitar

O alcalde empraza á Ministra de Fomento a reunirse "mañá mesmo" para abordar a estación de Thom Mayne

"Estou disposto" a manter un encontro con Ana Pastor "mañá mesmo". Así respondeu este luns Abel Caballero á proposta realizada pola Ministra para abordar que o tratamento urbanístico da estación do AVE de Vigo se realice por procedemento supramunicipal, unha idea coa que concorda o rexedor.

luns, 14 dec 2015
Abel Caballero respondeu hoxe, ante os medios de comunicación, ás declaracións realizadas por Ana Pastor propoñéndolle un encontro para falar da situación urbanística da Estación de Thom Mayne. Malia non ter recibido a comunicación no Concello, o alcalde amosouse disposto "mañá mesmo a reunirme con ela para falar de varias cuestións. A primeira, aceptar a proposta da Ministra de que a Estación de Thom Mayne e o seu tratamento urbanístico sexa por procedemento supramunicipal".

Ademais, o rexedor vigués apuntou que nesa xuntanza "decidiríamos reunirnos o mércores con Feijóo, que debe tomar a decisión para garantir que vai por procedemento supramunicipal", de maneira que "en dous días deixamos cerrado" este tema. "Eu estou disposto", sentenciou.

Con todo, Caballero reprochoulle á Ministra de Fomento que nos catro anos de goberno non "deu pasos para licitar a Estación, que acordaramos xuntos" e que, segundo sinalou, "nestes momentos, podería estar licitada e case acabada". Así mesmo, emprazou a Ana Pastor a que nesa reunión lle explique "por que non pon os 5 millóns de euros para o acondicionamento da Avenida de Madrid" dado que a cifra que contemplan os presupostos non é suficiente para acometer a parte que lle corresponde ao Ministerio de Fomento, tal e como apuntou o rexedor vigués.