Escoitar

O Concello programa para este Nadal ducias de actividades para todos os públicos

VIGO NADAL, que comezou esta semana coa apertura das pistas de xeo e trineos en Samil, oferta concertos, panxoliñas, espectáculos, circo e contacontos en todo Vigo. Ademais, o goberno local organiza o Parque Infantil de Nadal "Illas Cíes", para aprender de forma lúdica a riqueza natural, cultural e histórica do arquipélago vigués

venres, 11 dec 2015
O Concello arrancou onte luns coas actividades organizadas para o Nadal abrindo ao público as pistas de xeo e a nova pista de trineo, ambas emprazadas en Samil e que estarán dispoñibles ata o próximo 17 de xaneiro.

Xunto ás pistas, o goberno de Vigo programou un amplo e diverso abano de posibilidades para estas festas, que inclúe as tradicionais e animadas visitas a barrios e asociacións do Carteiro Real e o seu séquito, concertos de Nadal a cargo de bandas de música e corais polifónicas, panxoliñas nos centros e servizos de persoas maiores e o agardado Circo de Nadal "XX Aniversario La Fiesta Escénica".

O Concello tamén propón para toda a familia, e con especial atención nos máis pequenos e pequenas, a Gran Gala "Nadal Máxico 2015", coa participación de cinco artistas o 20 de decembro no Auditorio do Concello. Súmanse a este espectáculo as máis de quince actuacións que acollerá o Auditorio Mar de Vigo: concertos de rock, gospel, musicais, ilusionismo, ballet, orquestra, o Festival CLAN... Os contacontos cobrarán especial importancia no Nadal, xa que o goberno local ten programados preto de corenta repartidos por todo Vigo, comezando o 18 de decembro ás 18 horas no local Detrás do Marco, con "Un Nadal cheo de contos".

O prato forte para os nenos e nenas será o 5 de xaneiro, co desfile da Cabalgata de Reis, que emprenderá o seu camiño ás 18 horas e percorrerá García Barbón (desde o nó de Isaac Peral), Policarpo Sanz, Porta do Sol e Elduayen para finalizar no Paseo de Alfonso. Todos os caramelos repartidos desde as carrozas do Concello serán sen glute e algúns tampouco terán azucres.

Pola mañá, as SS.MM. Os Reis Magos visitarán hospitais e centros asistenciais e participarán, ás 12 horas, nunha recepción no Auditorio do Concello, con animación e chocolatada. Ás 17 horas, o tradicional acto de recepción das autoridades aos Reis Magos na Porta do Sol.

O concurso "Vente cos Reis Magos" continúa aberto e os rapaces e rapazas que queiran poden inscribirse ata o 16 de decembro nas caixas do Carteiro Real localizadas no Concello e nos Centros Municipais do Casco Vello, Teis, Coruxo e Saiáns. O sorteo celebrarase ás 12 horas do 22 de decembro no Auditorio Municipal e contará coa animación do Carteiro Real.

Parque Infantil de Nadal "Illas Cíes"
Enmarcado na campaña pola candidatura á declaración de Patrimonio da Humanidade, o Concello organizará no vestíbulo do Auditorio Mar de Vigo o Parque Infantil de Nadal "Illas Cíes", do 26 ao 30 de decembro e do 2 ao 5 de xaneiro, en horario de mañá e tarde. Con entrada de balde, esta actividade propón dar a coñecer dunha forma divertida os valores medioambientais e a riqueza natural, histórica e cultural do arquipélago vigués.

As escolas municipais de música e artes escénicas saen á rúa
Durante a semana do 14 ao 18 de decembro, as escolas municipais de música e artes escénicas dependentes da Concellería de Educación do Concello de Vigo (Escola municipal de música de Vigo -EMMV-, Escola municipal de música folk e tradicional -ETRAD-, Escola municipal de danza -EMD- e Escola municipal de teatro -EMT-), desenvolverán actuacións de pequenas formacións propias na rúa do Príncipe, ao carón do MARCO.

Con estas actividades o Concello de Vigo quere sacar á rúa, novamente, as súas escolas municipais de música e artes escénicas, co obxectivo de que a cidade coñeza e goce co bo facer dos seus participantes, dándolle máis vida e cor ás súas rúas, nunhas datas sinaladas.

O programa previsto é o seguinte:

Data: luns 14/12/2015
Hora: 19,00h
"Coros da Escola municipal de música de Vigo (EMMV)"

Data: martes 15/12/2015
Hora: 19,00h
"Banda de gaitas e pandeireteiras da Escola municipal de música folk e tradicional (E-TRAD)"

Data: mércores 16/12/2015
Hora: 19:00h
"Banda infantil e Banda sinfónica da EMMV"

Data: xoves 17/12/2015
Hora: 19,00h
"Grupos de danza, canto e percusión da Escola municipal de danza (EMD)"

Data: venres 18/12/2015
Hora: 18,00h

"Combos de adultos da EMMV"

Data: venres 18/12/2015
Hora: 19:30h
"Performances da Escola municipal de teatro (EMT)"

Máis información