Escoitar

O goberno de Vigo adxudica por 4,6 millóns a reforma de Tribuna, que estará en obras este mes

Así o anunciou este venres o alcalde de Vigo, quen apuntou que a contratación da reforma desta bancada do estadio de Balaídos inclúe a nova cuberta e conleva un investimento municipal de 4,6 millóns. Xunto ao procedemento en marcha na zona de Río, o Concello ten en tramitación o 65% do aforo do recinto deportivo, asegurou Caballero.

venres, 11 dec 2015
Abel Caballero informou este venres da adxudicación das obras da segunda fase da bancada de Tribuna e da cuberta do estadio de Balaídos, por un importe lixeiramente superior aos 4,6 millóns de euros.

O alcalde explicou que o contratista gañador do concurso é a empresa COPASA, que presentou a mellor oferta económica das 13 ofertas presentadas. A adxudicataria comprometeuse a executar melloras por importe de 300.000 euros en materia de calefactores e revestimentos, entre outras.

O luns asinarase o contrato, informou Caballero, para despois presentar a empresa o Plan de Seguridade e Saúde das obras e outra documentación, de tal forma que os traballos comezarán antes de que remate este ano.

Coruxo Fútbol Club
Abel Caballero tamén informou de que a Xunta de Goberno Local aprobou a concesión dunha subvención de 35.000 euros ao Coruxo Fútbol Club, que xoga na Segunda División B, para apoiar á entidade deportiva viguesa na tempada 2015-2016.