Escoitar

Programación Museo Liste-Etnográfico de Vigo e CAT para 2º trimestre

O Museo Liste-Etnográfico de Vigo e o Centro de Artesanía Tradicional (CAT)presenta a súa programación para o segundo trimestre do ano que contará coa exposición permanente, exposicións temporais, obradoiros, talleres e actividades especiais.

xoves, 3 abr 2014
Dentro das exposicións temporais, "Hijas de J. Nieto: un oficio singular, fabricantes de símbolos", percorrido a través do proceso de elaboración dos selos de caucho máis representativos da industria viguesa e da súa área de influencia; "Con pés e cabeza", exposición itinerante que conta con máis dun cento de pezas entre tocados para cubrir cabeza e calzado, que se atopa no Castelo de Sobroso (Ponteareas); "Un baleiro útil", con pezas de madeira escavada procedente de diversos países; "Vedacións", mostra fotográfica que ilustra sobre diversas formas de delimitar as propiedades privadas; "Retretes", baseada nas variadas solucións hixiénicas de antano; "Con outro enfoque", exposición de fotografías realizadas por José Luís Gómez Márquez.

Ademais, a visita á exposición permanente contará coa actividade complementaria "A seda en Galicia", apuntamentos sobre a case descoñecida industria sedeira en Galicia, dirixida a grupos escolares de educación primaria e secuandaria, previa solicitude.

En canto ás actividades do ciclo anual: "A Semana Santa", exposición de figurados portugueses e actividades entorno a esta celebración; "Os Maios", actividade que combinará a construción dun maio tradicional coa análise da súa orixe; "O Corpus", coa realización dunha alfombra; e "San Xoán", sobre a simboloxía desta celebración.

Tamén se ofertarán os obradoiros "A muda", "Instrumentos humildes" e "Os xoguetes esquecidos".

Como actividades especiais do trimestre, programase unha mostra fotográfica coas obras premiadas no I concurso de fotografía "A Reconquista de Vigo 2014", o Día das Letras Galegas (17 de maio) e mailo Día Internacional dos Museos-DIM (18 de maio).

No tocante ao CAT, ofertará a exposición permanente de cestería coa actividade complementaria "O vencello da cestería coa olería e a cestería viva", percorridos urbanos polo barrio histórico da cidade e os encontros "Faladoiros artesáns", que nacen coa intencionalidade de protexer e divulgar os oficios artesanais. Por último, fanse as convocatorias do II Concurso de relatos, con motivo do DIM14, e da selección de traballos artesáns para "O escaparate".

Máis información