Escoitar

Caballero anima a presenciar a proba de Descenso en Mountain Bike, puntuable para o Open de España

Os días 12 e 13 de abril, os montes de Coruxo acollerán unha proba de Descenso -especial polo 15º aniversario do Cidade de Vigo de Mountain Bike- puntuable para o Open de España de DH, cunha participación estimada de 200 ciclistas. O alcalde invitou á cidadanía a presenciar a modalidade "máis espectacular do Mountain Bike".

xoves, 3 abr 2014
1396526428bike.JPG
Tras as competicións os días 1 e 2 de marzo das modalidades de Enduro, Mini DH e XC, este ano o VigoBikeContest organiza co apoio municipal unha segunda cita para conmemorar o décimo quinto aniversario do Cidade de Vigo de Mountain Bike, unha proba de Descenso puntuable para o Open de España de DH.

O certame terá lugar os días 12 e 13 de abril nun percorrido de dous quilómetros polos montes de Coruxo, en Fragoselo, e cunha participación estimada de 200 ciclistas. Esta modalidade é a "máis espectacular" do ciclismo de montaña, segundo apuntou o propio alcalde durante a rolda de presentación do evento, que contou coa presencia de Guillermo Janeiro en representación da organización, do delegado técnico da Federación Española de Ciclismo, Esteban Lorenzo, do presidente da Comunidade de Montes de Coruxo, Antonio Campo, e do tres veces campión galego, Alejandro Caamaño.

Vigo acollerá a segunda das seis probas puntuables do Open de España, tras Barcelona e antes de chegar a Madrid, Granada, Asturias e o País Vasco. Alejandro Caamaño explicou que a de Vigo é unha das citas "máis agardadas da tempada", sempre "plagada de afeccionados". Janeiro, pola súa banda, salientou a recuperación do Descenso nos montes de Coruxo, confirmou a chegada de ciclistas procedentes de fóra de Galicia e avanzou que a primeira será a xornada de adestramento e o domingo, 13 de abril, as semifinais e a final.
Descargar todas as imaxes