Escoitar

O Festival de Habaneras celebra a súa segunda xornada coa actuación de cinco corais polifónicas da cidade

Tras a boa acollida de público na primeira xornada, o Instituto Feiral de Vigo volve acoller este domingo a actuación de cinco corais polifónicas dentro do Festival de Habaneras Cidade de Vigo, organizado pola Asociación de Corais Polifónicas de Vigo (ACOPOVI) e a Alcaldía de Vigo. O domingo 13 marzo está programada a presenza das corais da AACC Agarimo, SCD Nautilius de Comesaña, Perla do Atlántico de Alcabre, Alborada de Cabral e María Auxiliadora.

venres, 11 mar 2011
1299849717habaneras.jpg
A segunda xornada da quinta edición do Festival de Habaneras e Polifonía Cidade de Vigo, que terá lugar o domingo 13 de marzo ás 18 horas no Instituto Feiral de Vigo, contará coa actuación de cinco corais polifónicas viguesas.

O día inaugural desta edición -celebrado o pasado domingo tamén no IFEVI- contou cunha ampla presenza de público asistente e as actuacións de varios conxuntos corais. Para o próximo domingo, a programación do Festival que organiza ACOPOVI en colaboración coa Alcaldía de Vigo ten prevista a participación das polifonías da AACC Agarimo, SCD Nautilius de Comesaña, Perla do Atlántico de Alcabre, Alborada de Cabral e María Auxiliadora.

Ademais do próximo domingo, o Festival de Habaneras e Polifonía Cidade de Vigo cita ao público interesado nesta modalidade artística para dúas datas máis para marzo, os domingos do 20 e do 27, ás que sumaranse dúas xornadas do próximo mes, o 3 e o 10 de abril. Nas fins de semana do 7 e 8 de maio e a do 14 e 15 do devandito mes terán lugar o Festival das Letras Galegas no Auditorio do IFEVI -ás 19 horas-, coa participación de todas as corais integradas na Asociación.

Como ben sendo habitual en edicións anteriores, a organización dispón dun servizo especial de autobuses lanzadeiras desde o centro da cidade ata o Instituto Feiral de Cotogrande, con saída ás 17:30 horas e regreso aproximado ás 20:30 horas. O percorrido do mesmo parte da Praza de América, con paradas na Praza do Rei e a Praza de España, antes de recalar finalmente no IFEVI.
Descargar todas as imaxes