Escoitar

A praza "8 de marzo" acollerá o domingo a actividade central do programa do Día Internacional da Muller

O domingo 13 celebrarase na praza 8 de marzo varios actos conmemorativos do Día Internacional da Muller. De xeito ininterrompido de 11:30 a 20:30 horas desenvolverase unha completa programación que persegue a participación activa das persoas que asistan. O público poderá contribuír, coas súas mensaxes, á elaboración dun mural e colaborar na lectura de textos seleccionados relativos á situación da muller. Ademais, dende ás 12 horas haberá obradoiros infantís, que incluirán contacontos, xogos creativos e reparto de agasallos.<br /> <br />

venres, 11 mar 2011
A ambientación musical e teatral prevista durante todo o día realizarase no interior dunha carpa instalada na praza. Ás 11:30 horas actuará o grupo "Cantareiras do Alba", do C.C.A.R de Valadares, e ás 12:45 horas terá lugar a representación teatral "As grandes mulleres da historia visitan Vigo", a cargo de alumnas do IES "Ribeira do Louro" do Porriño. Pola súa parte, ás 13:30 horas, dará comezo a actuación do dúo "A-dúas", integrado polas violinistas Laura e Marina Quintillán. Pola tarde, ás 17 horas, representarase a obra "Vanesa non quere ser princesa", a cargo de Xerpo Cultural. Ás 18 horas comezará a perfomance "Outro paso máis", que porán en escena alumnas da ESAD (Escola Superior de Arte Dramática). Ás 19 horas está previsa a lectura do Manifesto do Consello Municipal da Muller co gallo do 8 de Marzo e ás 19.30 horas as actrices Clara Gayo e Iria Piñeiro ofrecerán o espectáculo "Área de Descanso".

Ao longo de todo o mes de marzo o programa inclúe múltiples actividades, como exposicións, ciclo de cinema infantil, concurso de fotografía dixital e microvídeos e proxeccións de documentais. Ata o domingo 20 de marzo permañecerá aberta na Casa das Artes a exposición "Vermellas. Chamábanlles Rojas". A mostra pon nome e rostro ás mulleres represaliadas en Galicia tras o golpe de estado de 1936. Conta con abundante documentación literaria, ademais de fotografías e material audiovisual.

Outra das actividades previstas é un Ciclo de cinema infantil, no Verbum-Casa das Palabras. O sábado 19 de marzo ás 17.30 horas terá lugar a proxección "A Estrela de Laura" e o sábado 26 de marzo, tamén ás 17.30 horas, proxectarase "Mulán". Por outra parte, o Marco será escenario da presentación de dous proxectos: O martes,15 de marzo ás 19 horas presentarase o Proxecto Bata, realizado polo alumnado do IES Alexandre Bóveda e galardoado co Premio Irene do Ministerio de Educación, e o martes, 22 de marzo ás 19 horas será a presentación do documental "Digna Rabia", da Asociación Memoria Histórica do 36 de Ponteareas.

Ao longo do mes de marzo tamén poderán presentarse vía on-line as propostas ao Concurso de fotografía dixital e microvídeos que organiza a Concellería de Igualdade e o Consello Municipal da Muller. Este concurso ten o obxectivo de fomentar unha maior implicación e concienciación cidadá a favor da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, así como para servir de canle para amosar as achegas que ao longo da historia fixeron e fan as mulleres, ben de xeito individual ou colectiva.