Escoitar

Vigo plantexa un anel de circulación con puntos de recarga e facilidades de circulación para os coches eléctricos

O alcalde, Abel Caballero, informou este martes que o proxecto europeo Civitas Plus II -que lidera con outras tres cidades europeas- incluirá o establecemento dun anel de circulación con facilidades para os vehículos eléctricos, tanto con exencións de pago na zona azul como con puntos de recarga e desprazamento polos carrís bus. A iniciativa europea solicita 12 millóns de euros, dos que agárdanse conseguir 9 e destinar 4,5 millóns para Vigo.

martes, 8 mar 2011
1299592484coche.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, avanzou hoxe martes novidades relativas ao proxecto europeo que lidera a cidade de implantanción do coche eléctrico.

Vigo deseñou un anel de tráfico, a modo de circunvalación, que será acondicionado para o tránsito de coches eléctricos. A proposta municipal, explicada por Caballero, incluirá a instalación de puntos de recarga, a exención de tarifas de aparcamento en zona azul e prioridade na circulación neste percorrido, entre outras medidas.

O anel plantexado circularía pola Avenida de Beiramar, Cánovas del Castillo, Areal, Isaac Peral, Numancia, Travesía de Vigo, Genaro de la Fuente, Martínez Garrido, Avenida de Madrid, Praza de España, Praza de América e a rúa Coruña.

Abel Caballero salientou que este percorrido atende ao Porto de Vigo, á zona industrial, á estación de autobuses e á entrada á cidade. Agora deseñaranse os puntos de recarga, as facilidades de aparcamento, os carrís prioritarios, a exención de pago na zona azul e o modo de circulación do coche eléctrico polos carrís buses.

Vigo encabeza esta proposta -na que participan a cidade turca de Eskisehir, a británica Bournemouth e a sueca de Helsingborg- co obxectivo de atraer 4,5 millóns para a cidade olivica e reforzar a iniciativa viguesa de converterse en cidade piloto do automóbil eléctrico.

A data límite de presentación de candidaturas é o próximo 4 de abril, cando oficializará Vigo a súa candidatura internacional conxunta, que conta coa participación da factoría viguesa de PSA Peugeot Citroën e da Universidade de Vigo na elaboración dun programa de I+D relacionado co coche eléctrico.
Descargar todas as imaxes