Escoitar

O pleno celebra o Día Internacional da Muller e insta a seguir loitando pola igualdade e o mantemento dos dereitos acadados

A concelleira de Igualdade e presidenta do Consello Municipal da Muller, Iolanda Veloso, presidíu este martes o pleno conmemorativo do Día Internacional da Muller, que contou coa participación de representantes dos diferentes colectivos que o integran. Iolanda Veloso asegurou que é preciso "seguir reivindicando moitas melloras para acadar a igualdade real entre homes e mulleres" e fixo un chamamento a participar nas actividades propostas ao longo do mes.

martes, 8 mar 2011
1299592410Pleno.JPG
Iolanda Veloso explicou que este pleno é unha das actividades que organiza o Consello Municipal da Muller e a Concellería de Igualdade co gallo do Día Internacional da Muller. Expresou os seus parabéns a todas as intervenientes pola súa sinceridade e por "facer un debate sen disfrazar o que cada unha quería dicir". A nacionalista recoñeceu que as mulleres adicadas á política tamén sofren discriminacións e desigualdades no seo das súas organizacións, porque estas reflicten o que acontece no resto da sociedade. Asegurou que é preciso seguir "traballando sen desfalecer" pero tamén recoñecerse nas outras "porque o inimigo non somos nós".

Tras a concelleira de Igualdade abriron a quenda de intervencións Luisa Ocampo, Rosa Fontaiña e María Xosé Queizán, que abordaron distintos aspectos das desigualdades que aínda persisten tras cen anos celebrando o Día Internacional da Muller. Baixo o título "A situación social actual", Luisa Ocampo fixo fincapé nas desigualdades laborais e as consecuencias que ten a crise e as políticas de austeridade e recortes sociais para as mulleres. "Aínda que temos diferenzas ideolóxicas, temos que unirmos e demostrar que non imos dar un paso atrás para conseguir os nosos dereitos", destacou.

Rosa Fontaíña centrouse na violencia de xénero e na consideración de que as 15 mulleres mortas nestes primeiros meses de 2011 pon de manifesto que hai que "demandar novas estratexias para rematar coa discriminación". María Xosé Queizán, pola súa banda, na súa intervención "Muller e cidade" puxo de manifestou a bondade das leis de igualdade existentes pero lamentou a súa falta de cumprimento. Ademais, demandou a implicación do goberno local para rematar coa "vexación das mulleres" na publicidade e nos medios. Tras elas, sucedéronse as intervencións das representantes veciñais e políticas dos diferentes partidos, así como a anterior concelleira de Igualdade, Lucía Molares, que fixeron un chamamento a salientar os elementos de unión fronte ás diferenzas ideolóxicas.
Descargar todas as imaxes