Escoitar

O musical Moxenas e a obra de teatro infantil "Bicharada" son as propostas do Auditorio Municipal para o fin de semana

A programación de artes escénicas que a Concellería de Cultura e Animación Sociocultural organiza no Auditorio Municipal ofrece este fin de semana dúas propostas ben diferentes. Mañá, 12 de febreiro, ás 21 horas, terá lugar o espectáculo "Moxenas musical galego"; o domingo, a compañía Berrobambán representará a obra "Bicharada", dirixida ao público infantil. Nos dous casos as entradas pódense adquirir na web www.laboleteria.es ou na propia taquilla unha hora antes do comezo das actuacións.

venres, 11 feb 2011
"Moxenas musical galego" é un espectáculo musical no que se combinan instrumentos, voces e baile de xeito que se enche o escenario de montaxes variadas que dan forma a pezas do repertorio musical galego do século XX. Durante a actuación prodúcense continuos cambios escenográficos de cara ás diferentes ambientacións de música, voces e baile. Ao mesmo tempo, tamén se lle dá unha dimensión didáctica da música tradicional, xa que cada peza é explicada
nos seus contidos, características e valoracións antes da súa interpretación. As entradas para esta proposta teñen un prezo de 3 euros.

Coa a dirección de Evaristo Calvo, as actrices Paula Carballeira, Chiqui Pereira, Anabell Gago e Patricia Lorenzo tratan de que todo o público, nenas e nenos, grandes e pequenos, entre no mundo de "Bicharada". A escenografía, o vestiario, a iluminación... todo vai encamiñado a sentir esta historia tan máxica como simple, tan sincera como divertida, tan imaxinaria como real. O prezo é de 3 euros para os menores de 12 anos e 5 euros para os maiores.