Escoitar

Caballero afirma que os seis eurotaxis de Vigo sitúan á cidade no quinto posto de España por poboación

Na presentación dos novos vehículos adaptados a persoas de mobilidade reducida, o alcalde indicou este venres que, na relación de eurotaxis por habitantes, Vigo sitúase no quinto lugar en España. Caballero explicou que o Concello subvenciona anualmente estes taxis con 2.400 euros porque supoñen unha "mellora importante" na calidade de vida dos seus usuarios, e anunciou que o goberno local estuda suprimirlles o imposto de circulación.

venres, 11 feb 2011
1297430119eurotaxis.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou este venres que os seis eurotaxis que operan actualmente na cidade sitúan a Vigo no quinto posto de España no ránking de vehículos por habitantes.

Este quinto posto sitúa a Vigo nunha "bastante boa posición en número de eurotaxis" por poboación, un servizo que proporciona unha "mellora importante" na calidade de vida dos usuarios. Precisamente atendendo a este criterio de servizo público, Abel Caballero anunciou que o goberno local estuda suprimir o imposto municipal de circulación aos eurotaxis.

O rexedor -xunto co concelleiro de Mobilidade, Xulio Calviño- presentou os novos vehículos que integran a flota viguesa dos taxis adaptados para persoas de mobilidade reducida. Hoxe suman un total de seis coches, dous acaban de incorporarse e outros dous foron renovados neste último ano.

Vigo ten eurotaxis "tecnolóxicamente moi avanzados e con todas as facilidades" para os usuarios e "garantías absolutas de seguridade", afirmou o alcalde, pois integran plataforma elevada con rampa e escalón de acceso.

Explicou Caballero que a compra destes vehículos está subvencionada con 8.000 euros polo Imserso, 2.000 euros máis pola ONCE, e o Concello achega 2.400 euros anualmente para "cubrir o sobrecuste" que implica a súa adquisición.
Descargar todas as imaxes