Escoitar

María Méndez confirma que o dispositivo de frío abre hoxe no pavillón do Berbés con 32 prazas e servizo de café calor

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, presentou este xoves as iniciativas que o seu departamento ten posto en marcha destinadas aos colectivos máis desfavorecidos da cidade. Na presentación destas medidas, a concelleira nacionalista anunciou que o dispositivo de emerxencia contra o frío estará aberto dende hoxe durante doce horas diarias, en horario de 21 a 9 horas.

xoves, 9 dec 2010
1291965114frio.JPG
María Méndez explicou que este dispositivo contará con 32 prazas, das que dúas se reservarán "para imprevistos". Entre outros servizos destacou que ás persoas que cheguen entregaráselles un kit de aseo, así como servizo de calor café. Salientou que se incrementa o persoal de atención con respecto ao ano pasado. "Valorando a situación das persoas que se achegan a este servizo, pensamos que podían estar integradas noutros centros", sinalou.. María Méndez indicou que nalgúns casos cumpren as características de esixencia de outras instalacións da cidade ou ben presentan unha problemática específica e non se lles ocurrira pedir a prestación correspondente.

O dispositivo contará cunha psicóloga social, que vai estar presente dúas horas diarias dende a hora de entradas; unha auxiliar, que estará seis horas, tres pola noite e tres pola mañá; un vixiante, que estará as doce horas que está aberto; e unha limpiadora, que acudirá dúas horas ao día. María Méndez explicou que se fixeron algunhas modificación respecto ao ano pasado e asegurou que este espazo "ten todas as características que require un dispositivo para o frío".

A concelleira de Benestar Social expresou que está "bastante satisfeita" coa posta en marcha deste dispositivo. Neste sentido indicou que recentemente visitou as alternativas que existen en Vitoria e asegurou que o da cidade vasca "non ten mellores condicións que o de aquí".

A nacionalista comentou tamén outras diferenzas respecto aos dispositivos que existen noutras cidades. Así, indicou que noutros lugares o dispositivo abre o 21 de decembro e está aberto só en función da demanda, mentres que en Vigo o dispositivo que pon en marcha a Concellería de Benestar Social abre tres meses continuados. Neste sentido apuntou que a intención era abrir xa a principios de decembro, concretamente o venres 3, pero debido a un imprevisto tivo que aplazarse a apertura ata hoxe. Ademais, sinalou que os colectivos sociais tiñan a información de que se abriría nesta semana.

Por outra banda, María Méndez deu conta doutros programas que impulsa a Concellería de Benestar Social e a colaboración que presta a diversas asociacións da cidade. Fixo referencia ao programa Sereos, que conta cun orzamento de 70.000 euros e o leva a cabo unha empresa de servizos sociais. Sinalou que de xaneiro a novembro atendeu a 1.132 persoas, o dobre que no 2009, que chegou a 613 usuarios. Indicou que o perfil das persoas que son atendidas por Sereos corresponde a home de 30 anos, sen ingresos e que vive na rúa ocasionalmente. Ademais, explicou que ao longo deste ano repartíronse máis de 12.900 preservativos, recolléronse máis de xeringas; repartíronse ademais 12.775 kits de insulina, unha media de 120 almorzos diarios e 198 bocadillos de luns a sábado.

Este servizo é prestado por unha traballadora social, que atende aos usuarios todo o día, facéndolles entrevistas e derivándoos a outros servizo se é preciso; así como tres auxiliares, que fan "traballo de rúa", segundo sinalou María Méndez. "Pretendemos mellorar paulatinamente este programa e centralo nas persoas sen teito, xa que comprobamos que vén xente que non corresponde ao perfil e podería estar noutros programas máis axeitados", asegurou.

A concelleira de Benestar Social mencionou tamén a colaboración que se desenvolve con Médicos do Mundo a través dun convenio que ascende a 68.000 euros anuais. Indicou que a través deste convenio faise o programa Cereda, "que traballa coa xente do contorno de Cedro, atendendo ao dano persoal", matizou. Destacou por outra banda a colaboración que Benestar Social presta aos comedores sociais. Neste sentido dixo que a achega ao Comedor da Esperanza, que abre de luns a sábado, ascende a 22.000 euros; cos Hermanos Misioneros, tamén de 22.000 euros; con Afán, de 23.000 euros; con Vida Digna, de 5.000 euros, e o Comedor de Alimentos, de 5.000 euros tamén. Finalmente mencionou os Pisos Vía, que teñen un orzamento de 106.000 euros e están destinados a persoas "encamiñadas aos proxectos de inserción laboral", indicou.
Descargar todas as imaxes