Escoitar

Iolanda Veloso anuncia a posta en marcha de dous campamentos de Nadal para conciliar a vida laboral e familiar

A concelleira de Xuventude, Igualdade e Normalización Lingüística, Iolanda Veloso, presentou este xoves dous campamentos de Nadal destinados a rapaces e rapazas que se desenvolverán na Casa das Mulleres e no museo Verbum. Segundo destacou a edil do BNG, é "a primeira ocasión" que se ofrecen estas actividades na época de Nadal, que teñen por obxectivo "ofrecer actividades de lecer aos cativos e cativas que sexan medidas de conciliación da vida laboral e familiar".

xoves, 9 dec 2010
1291903414Campamentos.JPG
Iolanda Veloso salientou que esta oferta complementa as actividades que se poñen en marcha durante o verán para xente nova. "Queremos cubrir a demanda existente ofrecendo actividades de lecer pero que tamén sirvan para coñecer a nosa cultura e sensibilizar sobre temas como a igualdade, o uso non sexista dos xoguetes e a corresponsabilidade", explicou.

A concelleira nacionalista explicou que o campamento que acollerá o museo Verbum está centrado na figura tradicional galega do Apalpador. Desenvolverase a partir do conto "Antón e o Apalpador", de Manuel Castro Lima e Mar Ameixeiras Sánchez. Iolanda Veloso sinalou que terá lugar do 23 ao 31 de decembro e do 3 ao 5 de xaneiro, de 7.45 a 15.15 horas, con servizo de friameira de 14 a 15 horas. Está destinado a rapaces e rapazas de 3 a 8 anos, xa que esta é a idade "máis demandada", asegurou.

O prezo deste campamento é de 40 euros e a inscrición pódese facer na Casa da Xuventude ata cubrir as prazas. É preciso cubrir unha ficha, presentar unha fotocopida do documento de identidade do pai, nai ou representante legal, o volante de empadroamento, unha fotografía tamaño carné do menor, unha fotocopia da súa tarxeta sanitaria e unha copia do xustificante de pagamento.

O segundo campamento que presentou Iolanda Veloso celebrarase na Casa das Mulleres do 27 ao 29 de decembro na primeira quenda e de 3 ao 5 de xaneiro na segunda. Está dirixido a nenos e nenas de 5 a 10 anos e terá un horario de 9 a 14 horas con servizo de aula matinal de 8 a 9 horas.

Esta iniciativa é gratuíta e a inscrición pódese facer dende o 13 de decembro ata cubrir prazas na Concellería de Igualdade en horario de 8 a 15 horas. É preciso presentar a ficha de inscrición, a fotocopia compulsada do libro de familia, o volante de empadroamento do menor e a fotocopia da súa tarxeta sanitaria.

"Ademais de presentar estes campamentos queremos comprobar a modificación dos horarios das ludotecas municipais", avanzou a concelleira de Xuventude. Neste sentido, Iolanda Veloso destacou que tanto a ludoteca da Casa da Xuventude como a do pavillón de Coia terán horario de 8 a 16 horas dende o 23 de decembro, con servizo de friameira.

A concelleira do BNG afirmou que na web das concellerías de Igualdade (www.igualdadevigo.org), Xuventude (www.xuventudevigo.org) e Normalización Lingüística (www.snl.vigo.org) pódense consultar as informacións relacionadas co contido dos campamentos, así como os requisitos e os horarios das inscricións en cada unha das iniciativas.
Descargar todas as imaxes