Escoitar

Mañá venres poñense á venda as entradas para a Copa Asobal por internet e en taquilla telefónica

O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, anunciou hoxe os prezos de abonos e entradas para a Copa Asobal 2010 de balonmán, que se disputará no pavillón central das Travesas os días 18 e 19 de decembro. Os abonos poderán adquirirse dende as 9:00 horas de mañá venres.

xoves, 25 nov 2010
1290692976Asobal.jpg
Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Deportes, organizadores do evento, fixaron uns prezos moi asequibles que oscilan entre os 15 e os 30 euros para o abono das dúas xornadas ou que van desde os 10 ata os 20 euros para a entrada de cada unha das semifinais e de 15 a 25 euros para a final. "Sabemos que vai haber cheo porque xogan os mellores equipos e quixemos favorecer a aquelas persoas vinculadas co deporte da cidade todo o ano", explicou o concelleiro, que anunciou que os afeccionados pertencentes ao programa Siareiros, tanto Elite como Club (Base), terán un desconto importante: dende un 33% se o abono compra en venda anticipada a un 20% no prezo da entrada da final. A venda anticipada remata o día 11.

"Puxemos a data do 11 de decembro como día tope para a venda anticipada por cuestións de aforamento e seguridade", dixo Javier Rodríguez, presidente do Octavio Pilotes Posada, que colabora co Concello na organización do evento. "Dende León e Valladolid confirmáronnos que van fretar varios autobuses; non sei se nós estaremos de novo en Asobal pero esta Copa é o mellor torneo do mundo e grazas a Tenencia e á Concellería de Deportes vén este evento de talla internacional", manifestou o presidente académico.

A organización decidiu facilitar a compra de entradas mediante internet na páxina de Caixanova (www.caixanova.es; www.servinova.es) ou polo servizo telefónico (986 11 05 00 e 902 504 505). Os descontos decididos en venda anticipada afectan a Siareiros, pero tamén a persoas de categoría infantil (idade igual ou inferior aos 14 anos) e aos xubilados. Dende o 12 de decembro xa non haberá descontos especiais para os Siareiros e só se aplicarán os prezos de venda xerais tanto para os dous tipos de abono e/ou de entradas (adulto e infantil/xubilado). "Son prezos un 30% máis baratos que na última Copa Asobal en Córdoba", explicou Javier Rodríguez, que sinalou que o Concello "tivo en conta o momento de crise para pór prezos baratos".

Coñecidas as semifinais dende o día do sorteo no museo Verbum (Reale Ademar de León-Barcelona Borges e Renovalia Ciudad Real-Cuatro Rayas Valladolid), o horario fixado por intereses televisivos será ás 16:00 horas no duelo entre leoneses e cataláns e ás 20:00 horas o cruzamento entre ciudadrealeños e pucelanos. "Que os afeccionados de Vigo non esperen a última hora", insistiu Xabier Alonso.
Descargar todas as imaxes