Escoitar

Iolanda Veloso felicita á Fundación IgualArte polos seus traballos artísticos contra a violencia de xénero

A concelleira de Igualdade, Iolanda Veloso, trasladou os seus parabéns aos integrantes da Fundación IgualArte polos traballos artísticos contra a violencia de xénero que realizaron os alumnos e alumnas do centro. A concelleira nacionalista, durante a visita á exposición, destacou o traballo dos creadores e creadoras na realización das obras, que poden visitarse ata o día 29 na sala de exposicións da Biblioteca Pública Central, en horario de luns a venres de 9 a 20.30 horas e de 10 a 14 horas.

mércores, 24 nov 2010
1290605563IgualArte.JPG
"Como concelleira de Igualdade quero felicitar aos e ás artistas que participaron nesta iniciativa por conseguir reflectir nas súas obras o sufrimento que padecen as vítimas da violencia de xénero", manifestou. Iolanda Veloso salientou a importancia de estender a sensibilización sobre violencia machista a todos os ámbitos da sociedade, especialmente nunha data tan significativa como o 25 de novembro, Día internacional contra a violencia de xénero.

Baixo o lema "Non o ignores, non o xustifiques, non o escondas", dende a Concellería de Igualdade tamén se promoven outros actos, como a manifestación contra a violencia de xénero que terá lugar mañá ás 20 horas dende a Praza de Urzáiz. Destacan tamén a exposición fotográfica de Pamela Palenciano, que se pode visitar ata o 29 de novembro na Escola Oficial de Idiomas; o ciclo de cine "Realidades invisibles", que se celebra os luns ata o 29 de novembro, ás 20:30 horas no Centro Cultural Caixanova; o ciclo de Cinema xuvenil, o 28 de novembro, no Verbum ás 17:30 horas; e a lectura dunha declaración institucional do Concello de Vigo o vindeiro luns, 29 de novembro.
Descargar todas as imaxes