Escoitar

O Concello achega 16.000 euros á Fundación Secretariado Xitano para mellorar a integración, formación e emprego do colectivo

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o Presidente da Fundación, Pedro Puente, rubricaron este mércores o convenio de colaboración polo que o Concello aporta 16.000 euros para a mellora da capacidade de integración e incorporación da comunidade xitana no mercado de traballo e o impulso de políticas sociais máis activas, nos eixos socio-laboral, formativo e de emprego.

mércores, 24 nov 2010
1290605948gitano.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, asinou este mércores o convenio de colaboración polo que o Concello achega 16.000 euros á Fundación Secretariado Xitano para mellorar a integración, a formación e a empregabilidade do colectivo.

O rexedor vigués eloxiou o traballo da Fundación, que "se caracteriza pola súa boa acción e continuo esforzo no ámbito da integración" dos xitanos e por acadar a "integración máxima posible" destes na sociedade.

O Concello, a través da Concellería de Participación Cidadá que dirixe o socialista Santos Héctor, cooperará coa entidade para a mellora da capacidade de integración e incorporació da comunidade xitana no mercado de traballo e no impulso de políticas sociais máis activas. O acordo contempla diversas accións en torno a eixos socio-laboral, formativo e de emprego.

En canto ao eixo socio-laboral, a Fundación realizará a mobilización das persoas para mellorar a súa empregabilidade mediante unha adecuada acollida, diagnose e xestión dos itinerarios individuais; o desenvolvemento de destrezas básicas, de habilidades sociais e de competencias laborais; e a orientación laboral, deseño de itinerarios individuais de inserción e seguimento do itinerario.

No tocante ao eixo formativo, as actuacións irán dirixidas ao desenvolvemento de accións formativas adaptadas aos niveis educativos previos e aos intereses e expectativas da poboación xitana; á xestión do acceso aos recursos de formación ocupacional e creación de novos escenarios adaptados de formación-emprego; e á formación para o emprego arredor dos nichos de mercado actualmente existentes e dos núcleos de competencias profesionais cos que a poboación xitana de Vigo está familiarizada (Curso de Manipulación de Alimentos para a obtención do carné profesional, Carné de conducir, Curso de Carretilleiro e Curso de Mariñeiro pescador, etc)

Por último, e relativo ao eixo do emprego, o convenio posibilitará a prospección, acompañamento e seguimento no emprego; a identificación e achegamento entre ofertas e demandas; a intermediación co tecido económico-empresarial; convenios con empresas e outros axentes sociais; e prácticas formativas no ámbito da empresa.
Descargar todas as imaxes