Escoitar

Santi Domínguez anuncia que 6.000 persoas visitarán Vigo en maio con motivo do Congreso de Medicina Xeral

O tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, Santi Domínguez, anunciou este xoves que o XVIII Congreso Nacional e XII Congreso Internacional de Medicina Xeral e de Familia, que se celebrarán no Ifevi do 18 ao 21 de maio de 2011, reunirán en Vigo máis de 6.000 persoas, procedentes tanto de España e Portugal como do resto da Unión Europea e Iberoamérica. Na presentación do congreso, que é o primeiro de ámbito internacional que chega a Vigo a través da Fundación Vigo Convention Bureau, o nacionalista fixo fincapé na forte repercusión que terá a celebración deste evento na cidade respecto ao seu retorno económico e a dinamización do sector hosteleiro.

xoves, 25 nov 2010
1290692142Congreso.JPG
Santi Domínguez destacou a importancia de que Vigo acolla este congreso, para o cal afirmou que "levamos meses traballando" en colaboración coa Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia, presidida por Benjamín Abarca, que tamén participou na presentación, xunto ao presidente do comité organizador, Carlos Bastida. Segundo asegurou o tenente de alcalde "grazas á organización deste congreso, Vigo xa é referencia para outras oito citas", que se materializarán ao longo do 2011.

"O corpo técnico da Concellería de Turismo e do Vigo Convention Bureau están ao dispor do comité organizador para que este sexa o mellor congreso de Medicina Xeral celebrado ata esa data", asegurou o tenente de alcalde. Lembrou que en Granada, que acolleu o último encontro desta especialidade, foi posible comprobar a "repercusión do congreso en toda a cidade", polo que agradeceu á elección da cidade de Vigo para celebrar a convocatoria de 2011.

Tanto o presidente da Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia como o presidente do comité organizador manifestaron a súa satisfacción por que estes dous congresos se celebren en Vigo, nomeadamente por seren galegos, e agradeceron a Santi Domínguez a súa total colaboración para organizar os preparativos dos congresos.

Segundo explicou Benjamín Abarca a preparación destas dúa convocatorias báseanse en "criterios complexos", debido a "cantidade de persoas que hai que mover", das que 4.000 serán os médicos participantes, máis aproximadamente as 2.000 persoas que os acompañarán. "Quero agradecer á Fundación Vigo Convention Bureau que facilitara as accións e as xestións para os preparativos, porque un congreso leva un traballo enorme para montar a infraetrutura", manifestou.

Abarca indicou que, como sociedade científica, os congresos son a actividade principal que realiza ao longo do ano, "e por iso nos volcamos na súa celebración". Sinalou que cumpren varios obxectivos, entre os que destacou o formativo e de investigación, "porque los profesionales necesitamos actualizarnos constantemente", respecto ao que fixo especial fincapé aos estudantes de medicina; de innovación, xa que o congreso acolle a presentación de novidades terapéuticas e diagnósticas; e como lugar de encontro de especialistas procedentes da Península, o resto da Unión Europea e de Iberoamérica.

O presidente do comité organizador, Carlos Bastida, destacou a repercusión que a celebración deste congreso terá na cidade de Vigo, xa que se trata dun cita "moi consolidada na atención primaria tanto en España como en Iberoamérica e na Unión Europea". Fixo fincapé en que ademais dos 4.000 médicos que participarán no encontro é preciso ter en conta aos acompañantes que que tomarán parte das actividades extracongresuais. "Oxalá que Vigo a partir de agora inaugure unha nova etapa como referencia no eido dos congresos, ademais de principal cidade industrial de Galiza", manifestou.

Bastida explicou que se elixiu a ubicación do Ifevi porque era o recinto de maior capacidade para albergar o importante número de profesionais que van participar e no que era posible facer compatible as diferentes actividades. Sen embargo, tamén adiantou que se empregará o novo Auditorio e os centros de Caixanova para algunhas actividades paralelas.
Descargar todas as imaxes