Escoitar

O tenente de alcalde pide o compromiso da sociedade para erradicar a violencia contra as mulleres

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, fixo hoxe un chamamento á sociedade para que "todos e todas poñamos o noso grao de area" e chegue un día no que non sexa preciso conmemorar días como o de hoxe, Día internacional contra a violencia de xénero. O nacionalista dixo que "non podemos ser cómplices" e por iso reivindicou que é preciso denunciar sempre cada maltrato ou agresión dun home a unha muller.

xoves, 25 nov 2010
1290692180violencia.JPG
O tenente de alcalde asistiu hoxe pola mañá, xunto á concelleira de Igualdade, Iolanda Veloso, á representación escénica de alumnas da Escola Superior de Arte Dramática no MARCO contra a violencia de xénero. Esta actividade formaba parte do programa que se ven desenvolvendo ao longo de todo o mes en diferentes espazos públicos da cidade e que están incluídos no plan de actividades da Consellería de Igualdade e o Consello Municipal da Muller con motivo do Día internacional contra a violencia de xénero.

Santi Domínguez felicitou ás rapazas que fixeron a representación pola capacidade que tiveron para transmitir "algo que sempre é moi difícil como é a violencia contra as mulleres" e ser quen de "involucrarnos a todos os que estabamos observando".

O nacionalista dixo que hoxe é un día "para a reflexión e para avergoñarnos, os que coma eu somos homes, por cada vez que temos que lamentar a morte dunha muller". Santi Domínguez sinalou igualmente que é preciso rematar con estereotipos que aínda se manteñen na nosa sociedade e que discriminan ás mulleres a respecto dos homes. "Temos que esforzarnos para que os nosos fillos non reproduzan condutas que todos tiñamos que ter esquecido xa e desde os gobernos temos que seguir traballando a prol da igualdade e responsabilizarnos para favorecer a feminización do poder".
Descargar todas as imaxes