Escoitar

Xesus López di que o programa do Verbum é "amplo e de calidade", con concertos, mostras, campamentos e cine

O concelleiro de Cultura, Xesus López, presentou este luns a programación que se desenvolverá no museo Verbum na temporada estival, que inclúe exposicións, actividades formativas, campamentos, poesía, música e cine. "Trátase dunha programación ampla, variada, de gran calidade e feita para que os vigueses e viguesas e todas as persoas que gocen do verán na nosa cidade", destacou o nacionalista.<br />

luns, 5 xul 2010
1278335349Programacion.JPG

O concelleiro de Cultura expresou os seus parabéns a Rosendo Covelo e ao programador da iniciativa Mércores no Solpor, Isaac Garabatos, e ao responsable da acción formativa sobre lingüística, Xerardo Fernández, que tamén participaron na presentación, xunto ao director do Festival de Cine de Ourense, Henrique Nicanor.

O director do Verbum, Rosendo Covelo, deu conta das distintas propostas que inclúe o programa do Verbum. Respecto ás exposicións fixo referencia a mostra inaugurada o pasado venres "O galego, tamén noutros mundos", que se poderá ver ata o 29 de agosto, así como "O libro de Artista como colector de ideas", que se inaugura o vindeiro domingo. Respecto ás actividades formativas destacou o Verbum Summer School of Linguistics, que comeza mañá e se celebra ata o vindeiro 17 de xullo.

No tocante aos campamentos de verán salientou a iniciativa Divírtete no verán, que se desenvolve en colaboración coa Concellería de Benestar Social ata o 16 de xullo dirixido ás persoas con discapacidade. Mencionou tamén o Campamento Aberto, que terá lugar do 20 ao 30 de xullo, de 10 a 14 horas, destinado a nenos e nenas de 5 a 12 anos.

As actividades musicais contemplan dúas propostas, o programa Un mar de corais e Mércores no Solpor. Con Un mar de corais, que se celebrará ata o 1 de agosto, o Verbum volverá a ser o escenario no que se darán cita as principais corais da cidade. A quinta edición da iniciativa Mércores no solpor, que comezará o 21 de xullo ás 21 horas, permitirá que a terraza do museo acolla propostas artísticas de vangarda nas que se mesturan distintas disciplinas, como música, danza, teatro e poesía.

O Verbum tamén propón actividades cinematográficas, coa proxección das obras galardoadas no Festival de Cine de Ourense de 2009 nas categorías de mellor película, o premio do público, o mellor documental, a mellor curtametraxe e a mellor película de animación, entre outras. O director do certame, Henrique Nicanor agradeceu a iniciativa da Concellería de Cultura, xa que o Concello de Vigo colabora concedendo "un dos premios máis importantes", que é o de guión. As proxeccións terán lugar os martes e xoves do mes de agosto con entrada gratuíta.

Xesus López asegurou que o museo Verbum está "no mellor momento", froito do traballo que dende hai dous anos desenvolve o seu director, Rosendo Covelo, baixo o criterio de achegar a cultura a toda a cidadanía. Destacou que mostra deste bo momento é o incremento do número de visitantes no último trimestre, ao pasar das 18.000 ás 23.000 persoas.
Descargar todas as imaxes