Escoitar

Santi Domínguez presenta o novo equipo de Espacio Atlántico co obxectivo de consolidar a feira como referente internacional

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, presentou este martes ao novo equipo técnico da Feira de Arte Contemporáneo de Vigo, Espacio Atlántico, entre o que se atopa a nova directora artística, Pilar Ribal. O nacionalista destacou que Espacio Atlántico, que se celebrará entre o 7 e o 10 de abril, "está confirmada" como a segunda feira máis importante do estado español e unha das máis importantes do mundo, "o cal nos enche de orgullo", asegurou.

martes, 22 xuñ 2010
1277210142espacioatlantico.JPG
"Dende a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Cultura temos claro que hai que seguir mantendo as sinerxias entre administracións e un equipo que traballe para que Vigo sexa sendo referente no mundo da arte", manifestou Santi Domínguez. Na presentación participaron ademais do tenente de alcalde, o director xeral de Promoción e Difusión Cultural da Xunta de Galiza, Francisco López, a directora da feira, Marta Scarpellini, o integrante do comité asesor e anterior director artístico de Espacio Atlántico, David Barro, e a nova directora artística, Pilar Ribal.

O tenente de alcalde destacou o fito que supuxo a celebración en Vigo da Feira de Arte Contemporáneo, que naceu como Puro Arte. "Queriamos que a nosa cidade fora referente na arte contemporánea e que se puidesen visualizar en Vigo as mellores obras", sinalou. Tras a consolidación de Puro Arte "o ano pasado dimos un gran salto a Espacio Atlántico", lembrou. Neste sentido asegurou que este paso non sería posible sen a Xunta e sen Caixanova, "como entidade que sempre estivo apoiando".

A esta aposta por Vigo como referente da arte contemporánea, Santi Domínguez destacou que se unirán dous novos centros de arte, como son a futura pinacoteca e o novo Centro Galego de Fotografía. "Deste xeito abrirase un amplo abano de posibilidades", afirmou.

"Dende a Consellería de Cultura entendemos este proxecto como un paso decisivo para que Galiza acade máis proxección internacional", destacou o director xeral de Promoción e Difusión Cultural, Francisco López. Asegurou que o espaldarazo económico dende a Xunta, o Concello de Vigo e Caixanova amosa o compromiso coa feira e manifestou os seus parabéns aos organizadores.

A directora de Espacio Atlántico, Marta Scarpelini, destacou que a nova directora empregará "pautas de calidade e rigor" na selección das galerías que participarán na próxima edición da feira. "Temos dez meses de traballo por diante e manteremos os criterios de calidade e rigor para traer a Vigo o mellor da arte contemporánea", dixo.

O director artístico da pasada edición, David Barro, expresou o seu compromiso con Espacio Atlántico e mostrou o seu convencemento de que a feira é "unha oportunidade histórica para Galiza". Manifestou a pertinencia de "pechar filas", tanto os profesionais como a xente interesada no mundo do arte contemporáneo "para que funcione". Explicou que o seu paso da dirección artística ao comité asesor responde á necesidade de "cambiar e reinventar a feira para garantir o seu éxito".

A nova directora artística, Pilar Ribal, expresou a súa "enorme satisfacción por estar nesta terra e nesta cidade marabillosa" e agradeceu ao equipo de Espacio Atlántico "a confianza" para desenvolver o labor de dirección. Asemade, manifestou o seu compromiso para que Espacio Atlántico se consolide "a nivel internacional". Asegurou que as mellores feiras non se realizan nas grandes cidades, "senón en pequenas e medianas cidades como Vigo, nas que conflúen feiras e oferta cultural".

Salientou que un dos seus obxectivos consistirá en que vir a Vigo sexa "unha obriga para os amantes da arte", mantendo a calidade e incrementando as novidades. Neste sentido, e en resposta ás preguntas dos medios, indicou que fundamentalmente se referirán a novos formatos no interior da feira e á colaboración con outras entidades. Asegurou que Galiza e Portugal serán "obxectivos prioritarios, como xa ocorreu en anteriores edicións" e que ademais se seguirá apostando por galerías "do outro lado do Atlántico".
Descargar todas as imaxes