Escoitar
O libro de Angel Colsa está patrocinado por Caixanova e prologado polo alcalde de Vigo, Abel Caballero

O alcalde, Caixanova e o Colexio de Enxeñeiros de Galicia presentan un libro sobre a pegada deixada por este profesionais en Vigo

O Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos de Galicia editou un libro sobre a pegada que estes profesionais deixaron na cidade de Vigo durante os últimos 175 anos. "Os Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos en Vigo", obra do enxeñeiro Angel Colsa, está patrocinado por Caixanova e foi prologado polo alcalde de Vigo, Abel Caballero.

martes, 22 xuñ 2010
1277208559libro.jpg
Un libro que foi presentado esta martes nun acto celebrado no Concello de Vigo e no que estiveron presentes o alcalde de Vigo, Abel Caballero; o presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso; o decano do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos da Coruña, Carlos Nárdiz; e o autor do libro, Angel Colsa.

O alcalde de Vigo mostrou a súa satisfacción por "un libro moi relevante porque é recuperar unha parte da memoria da cidade, son os nomes, as formas e as actuacións a través dos cales Vigo chegou a ser o que é". Neste sentido, Abel Caballero destacou que "o que estamos facendo agora en Vigo marcará tamén o futuro dos próximos 150 anos" e nomeou actuacións como a chegada do AVE, o novo aeroporto, a forma de arbitrar o porto, as novas autovías ou a ampliación da ponte de Rande.

Patrocinio de Caixanova
Pola súa banda, Fernández Gayoso destacou a satisfacción de Caixanova por participar nesta iniciativa e recordou que a caixa xogou "un papel moi importante no desenvolvemento urbanístico e das infraestruturas de Vigo". Neste sentido, destacou que Caixanova foi a única entidade financeira que participou no capital da Autoestrada do Atlántico e a súa participación na construción do polígono de Coia nos anos 60, que marcou un antes e un despois á hora da planificación urbanística da cidade.

Finalmente, o decano do Colexio de Camiños, Canles e Portos de Galicia agradeceu a colaboración do Concello de Vigo e Caixanova nun proxecto que "supón recoñecer a traxectoria dos enxeñeiros de camiños que proxectaron actuacións moi positivas da enxeñería civil que fixeron que Vigo sexa a cidade que é hoxe". Así, Carlos Nárdiz recordou que Vigo conta con catro rúas que levan o nome de ilustres enxeñeiros como José Elduayen, Eduardo Cabelo, Ramiro Pascual ou Manuel de Cominges, e pediu ao alcalde de Vigo que estudase a posibilidade de ampliar este número.

A pegada dos enxeñeiros en Vigo
O libro de Colsa é froito dun longo traballo de investigación para recoller a profunda pegada que os Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos deixaron en Vigo e supón, en gran parte, un percorrido pola historia da cidade olívica de man das obras realizadas por estes grandes profesionais. Un percorrido desde a revolución urbanística que supuxo a Nova Poboación de Agustín de Marcoatú (1837) ata os avances tecnolóxicos que houbo que acometer para abastecer de auga a cidade, o desenvolvemento do porto, a construción da ponte de Rande ou o reto da entrada do AVE en Vigo.

Neste sentido, Colsa Lloreda considera que "Vigo é unha cidade que estivo sempre ligada aos últimos desenvolvementos da obra pública. A ponte de Rande foi toda unha marca mundial no seu momento, o desenvolvemento de Coia foi unha planificación urbanística de gran interese a nivel nacional e a entrada do AVE na cidade está supondo un gran desafío no que se están usando tecnoloxías de última xeración".

Figuras ilustres
"Os Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos en Vigo" recolle figuras ilustres a nivel internacional como Julio Valdés ou Eduardo Cabello, un gran visionario fillo adoptivo da cidade, que elaborou o Plan de Ordenación do Porto de Vigo en 1910. Un plan que estivo en vigor ata 1960 grazas "a esta xente extraordinaria que fixo planificacións de medio século e que son claves para entender o que é hoxe Vigo", sinala Angel Colsa. E é que no sector portuario olívico traballaron os mellores enxeñeiros da época en España como o propio Cabello, Sancha, García Areal ou Manuel Espárrago.

O libro fai tamén unha reivindicación da figura de Manuel de Cominges, un enxeñeiro vigués pouco recoñecido a pesar do seu gran traballo pola cidade co plan de aliñacións e de reforma interior que propuxo en 1943 e que realizou grandes obras como a planificación da Gran Vía ou a conexión co porto. "Ademais", puntualiza Colsa Lloreda, "desenvolveu unha importante cartografía que aínda segue sendo utilizada a día de hoxe. Proba diso é que foi clave para a redacción do vixente plan director do Plan de Saneamento de Vigo".

E é que ao longo das máis de cen páxinas deste libro hai espazo para o recoñecemento de figuras como Manuel Espárrago, que continuaron o traballo dos seus predecesores desenvolvendo o porto e a cidade ata o que é hoxe en día; Prieto Moresi, que desenvolveu a Zona Franca; ou José Sáez Díez, enxeñeiro municipal que completou os plans de aliñación e resolveu os desenvolvementos da planificación de Coia e a Zona Franca.

No libro fálase das orixes de Vigo como cidade, da figura do gran José Elduayen, pasando polo desenvolvemento da primeira circunvalación (actual García Barbón), o barrio de Casablanca (realizado por Ramiro Pascual), ata o trazado da segunda circunvalación (Gran Vía). Tamén hai espazo para os grandes retos aos que se enfrontaron os enxeñeiros de camiños, canles e portos como a mencionada ponte de Rande ou a autovía das Rías Baixas. Unha obra, esta última, "que supuxo un gran reto a todos os niveis que non foi debidamente recoñecido", sinala Colsa.
Descargar todas as imaxes