Escoitar

A FISU alaba a boa organización do Fórum e pide que Vigo "non perda a esperanza de traer unha Universiada"

O tenente de alcalde de Vigo e presidente honorífico do comité organizador do X Fórum FISU, Santi Domínguez, felicitouse hoxe pola calidade da organización do evento, segundo datos chegados ao propio comité dos participantes, e case inesperadamente, recibiu un cúmulo de parabéns do Consello Superior de Deportes (CSD) e do CESU, o Comité de Estudo do Deporte Universitario.

martes, 22 xuñ 2010
1277211809Fisu.jpg
O tenente de alcalde asegurou, unha vez que o Forum entrou no seu segundo día de debates, que "as noticias que transmiten os participantes amosan que temos capacidade para organizar estes eventos mundiais". Por vez primeira Vigo afrontou un congreso destas características, ben diferente a unha competición deportiva pero que, segundo afirmou Claude-Louis Gallien, vicepresidente primeiro de FISU e presidente do CESU," é o segundo evento máis importante da FISU". É dicir, só está superado por unha Universiada. "Estamos contentos porque a nosa Universidade será un referente mundial, polo traballo serio feito e organizado", explicou o político nacionalista, que deu a benvida en inglés a unha cadea de televisión de Kuwait, acreditada para o foro e presente na rolda de prensa.

O CESU, a través de Gallien, deixou constatado que "a organización dun fórum como este non é nada fácil, fai falta ter un bo equipo", e felicitou á organización por iso. O dirixente francés foi taxante: "era imposible atopar un lugar máis adecuado para esta ocasión", dixo. Ademais, a preguntas dos xornalistas, non dubidou en falar dun tema que persegue a cidade: "Sabemos o gran potencial de Vigo, que non debe perder a esperanza á hora de organizar os Xogos Mundiais Universitarios, aos que aspirou para 2013", comentou Gallien.

Marta Carranza, subdirectora xeral de Promoción Deportiva e Deporte Paralímpico do CSD, aproveitou a rolda de prensa para referendar que "Vigo conta con gran enerxía e ten unha clara prioridade polo deporte", e lembrou que "por iso se lle concedeu este ano o Premio do CSD", dentro dos Premios Nacionales del Deporte.

A Universidade de Vigo recibe este mércores aos participantes no Fórum FISU, co tema do liderado da muller no deporte universitario. Xosé Henrique Costas, novo vicerreitor de Extensión Universitaria, recordou tamén que na xornada vespertina haberá a tradicionalmente universitaria feira de pósteres, onde a federación nacional de cada país presentará os seus programas (18:30 horas).
Descargar todas as imaxes