Escoitar

A Fundación Vide presenta superávit por segundo ano consecutivo e reforza os seus fondos propios

A Fundación Vigo en Deporte presentou a súa memoria de actividades e económica do ano 2009, que pechou con balance positivo de 13.856 euros, o que permitiu a VIDE incrementar o seu patrimonio neto por segundo ano consecutivo, unha condición indispensable para a saúde económica da Fundación e para a consolidación das súas contas.

xoves, 3 xuñ 2010
1275570098Vide.JPG
"Nun momento de crise económica é bo que se agradeza o apoio das empresas e que estas saiban en que se inviste o diñeiro que achegan", subliñou o presidente de Vide concelleiro de Deportes, Xabier Alonso. Para o nacionalista, que fixo repaso das diversas actividades de Vide (Vigo Cup, Programa Siareiros, Bolsas para os deportistas individuais...), o traballo da Fundación foi "encomiable", porque ademais xestionou administrativamente eventos de gran calado ou "ten colaborado con programas do Concello". Ademais, o edil lembrou que outro dos valores engadidos de Vide é o apoio aos deportistas individuais, "porque cobre o baleiro existente neste aspecto", e asegurou que "cada ano hai máis solicitantes de bolsas individuais".

Á rolda de prensa asistiu María José Táboas en representación de PSA Peugeot Citroën, un dos patronos de Vide, que explicou que dende o punto de vista dos patróns o traballo que está a facer Vigo en Deporte "é impresionante", e apostou pola rendibilidade da marca que representa a través do deporte.

Vide ingresou 1,39 millóns de euros en 2009, dos que 454.000 foron da actividade habitual da Fundación e o resto polos gastos do Mundial de hóckey a patíns. "Publicamos as contas porque queremos dotar de transparencia a nosa xestión. Os beneficios dados teriámolos tamén apartando das contas o Mundial de hockey, é dicir, que seguiría existindo o equilibrio económico", dixo a directora xerente, Laura Magdalena. Para concluír, a xerente asegurou que Vide está "encantada de ser un instrumento xestor de grandes evenetos en colaboración co Concello".
Descargar todas as imaxes