Escoitar

A impermeabilización do parking soterrado de Policarpo Sanz pecha ao tráfico o cruce con Dario Álvarez Blázquez

A Concellería de Mobilidade e Transporte, que dirixe Xulio Calviño, pechou ao tráfico desde hoxe luns, e por un periodo aproximado dunha semana, o cruzamento de Policarpo Sanz con Darío Álvarez Blázquez, debido á impermeabilización do aparcadoiro soterrado en construcción. Os vehículos autorizados, principalmente para garaxes, accederán desde Marqués de Valladares.

luns, 12 abr 2010
A Concellería de Mobilidade e Transporte ven de pechar ao tráfico o cruzamento entre Darío Álvarez Blázquez e Policarpo Sanz, por mor das obras de impermeabilización do aparcadoiro soterrado da Avenida.

Desde hoxe luns ás 10 horas, e durante unha semana aproximadamente, o acceso a Darío Álvarez Blázquez será exclusivo para garaxes e, mentres dure o peche, os vehículos autorizados accederán á rúa a través de Marqués de Valladares, segundo a planificación do departamento municipal que dirixe o socialista Xulio Calviño.

O aparcadoiro soterrado en construcción de Policarpo Sanz sumará un total de 570 prazas, das que o 20% quedarán reservadas para residentes. O de Policarpo forma parte dun lote de seis adxudicado, xunto co de Pintor Colmeiro -xa operativo-, Jenaro de la Fuente, Avenida de Castelao e Areal -en construcción-, e o proxectado en Rosalía de Castro.

Bouciña
A Concellería de Mobilidade tamén ven de anunciar o peche da rúa Bouciña, prevista para a xornada do próximo mércores, debido aos traballos de asfaltado a efectuar na rúa, con acceso exclusivo para garaxes.