Escoitar

A nova edición do programa "Camiña e coñece" percorrerá o vindeiro domingo a parroquia de Bembrive

Os concelleiros de Deportes, Xabier Alonso, e Cultura, Xesus López, presentaron este luns unha nova edición do programa "Camiña e coñece", que o vindeiro domingo, 18 de abril, percorrerá a parroquia de Bembrive. Para participar nesta iniciativa que comezou no 2007, non é preciso inscribirse previamente.

luns, 12 abr 2010
1271077742caminaeconoceabril.jpg
O concelleiro de Deportes explicou que o percorrido por Bembrive comezará ás 9.30 horas dende a súa igrexa parroquial, e terá a chegada ás 13.30 horas ao mesmo punto de partida. Sinalou que a súa lonxitude é aproximadamente de 9 kilómetros "cunha dificultade media para as persoas que non teñan impedimentos físicos", polo que recomendou levar roupa e calzado cómodos.

"Trátase dun percorrido pola etnografía da auga, nos que se visitarán lavadoiros, muíños e o río Eifonso e os seus afluentes", salientou Xabier Alonso. Indicou tamén que ao longo do traxecto se efectuarán tres paradas; a primeira delas na igrexa, exemplo do románico vigués; a segunda nas casas da Fraga, considerado un dos primeiros asentamentos de Bembrive e finalmente na área recreativa do Pouso.

O concelleiro de Cultura, pola súa banda, destacou que a participación neste programa, iniciado no ano 2007, é libre, gratuíta e sen necesidade de facer inscrición previa. Lembrou que dende que en xullo de 2007 se puxo en marcha este programa xa se desenvolveron oito percorridos, o Casco Vello e o Ensanche, o paseo do Lagares, as mámoas de Candeán, a ruta da costa dende Bouzas a Toralla, as Letras Galegas, Valadares, Zamáns e Saiáns.

Xesus López salientou asemade que en todos os percorridos o obxectivo consiste en potenciar o desenvolvemento de hábitos saudabeis e fomentar o coñecemento do patrimonio cultural dos barrios e parroquias de Vigo.
1271077742caminaeconoceabril.jpg
1271077751caminaeconoce.jpg
Descargar todas as imaxes