Escoitar

A concelleira de Benestar Social anuncia o incremento dun 14% do orzamento de becas escolares para libros e comedor

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, anunciou este venres que o orzamento destinado ás becas escolares de libros e comedor aumenta un 14% ao pasar de 525.000 euros no curso 2009-2010 a un total de 610.000 euros para o ano académico 2010-2011. A concelleira sinalou tamén que o prazo de solicitude para optar as axudas do vindeiro curso é do 5 ao 16 de abril nas unidades de traballo social de Praza do Rei, Praza da Princesa, Martínez Garrido, Doctor Corbal e Quintela.

venres, 26 mar 2010
1269611786becascomedor.jpg
"Este incremento do orzamento reflicte o esforzo da Concellería de Benestar Social para protexer a igualdade de oportunidades das persoas con menos recursos", salientou María Méndez. Explicou que as subvencións de libros, material escolar e comedor están dirixidas ás familias do alumnado de centros docentes públicos e privados concertados, ás de libros para o alumnado da segunda etapa de educación infantil (de 3 a 6 anos), e ás de comedor para os estudantes de ducación primaria e secundaria obrigatoria.

A concelleira de Benestar Social destacou tamén o notable incremento do número de becas concedidas no curso 2009-2010 respecto ao curso pasado. Ao respecto das axudas de comedor sinalou que se concederon 1.647, un 39% máis que no curso anterior, mentres que de axudas para libros se concederon un total de 469, un 18% máis que o curso 2008-2009. Ante este aumento, María Méndez indicou que é previsible que para o vindeiro curso tamén se produza un forte aumento das axudas.

No tocante ao orzamento das axudas para comedor, a concelleira nacionalista sinalou que se destinarán 570.000 euros, mentres que no curso 2009-2010 foron case 490.000 euros. Subliñou que este forte incremento ten o obxectivo de "tratar de garantir a alimentación axeitada dos nenos e nenas das familias con menos recursos", así como potenciar a conciliación da vida laboral e familiar. A contía das axudas é de 41 euros por alumno ou alumna, dende setembro ata xuño.

O orzamento das axudas para libros, pola súa banda, pasa de 35.000 a 40.000 euros, e a contía é de 75 euros por alumno ou alumna. Neste sentido explicou que se subvenciona o periodo de 3 a 6 anos porque ata agora ás idades superiores as subvencionaba a Xunta, polo que deixou aberta a posibilidade de modificar este criterio.

Respecto aos requisitos para solicitar as axudas, María Méndez sinalou que os solicitantes deben estar empadroados en Vigo, convivir cos alumnos para os que se refire a solicitude, e estar matriculados nun centro escolar público ou concertado da cidade. Sobre os ingresos das persoas solicitantes indicou que a renda per cápita mensual debe ser infereior ao 75% do IPREM, equivalente a 399 euros, mentres que na convocatoria anterior o límite eran 351 euros.

En resposta ás preguntas dos medios sobre a protesta que tivo lugar esta mañá dun grupo de cachibol pola denegación dunha subvención da Concellería de Benestar Social, María Méndez explicou que esta asociación non recibíu a axuda que solicitaron porque non cumpría as bases da convocatoria. Sinalou que o seu departamento, para conceder axudas, as entidades solicitantes deben figurar no rexistro de Participación Cidadá baixo un epígrafe relacionado con Benestar Social. Respecto á asociación de cachibol, especificou que esta incluída no epígrafe de Deportes, e a Concellería de Deportes "xa lle concedeu unha subvención".

A concelleira de Benestar Social comentou que dende o seu departamento lle poderían conceder a axuda se a tiveran solicitado para realizar unha actividade concreta "pero a pediron para o mantemento do local", sinalou. Asegurou, asemade, que xa hai dous anos un técnico do seu departamento lles explicara como tiñan que facer para que dende Benestar Social se lles poidera conceder unha subvención axustada ás bases.

"Se eu lle dera unha subvención a esta entidade estaría prevaricando, porque saltaría as bases da propia convocatoria da Concellería de Benestar Social", manifestou María Méndez. Finalmente, lamentou ter recibida unha "carta amenazante" na que tamén se preguntaba por que se concedían subvencións a outras entidades como Médicos do Mundo, Secretariado Xitano, Alborada ou Sereos.
Descargar todas as imaxes