Escoitar

Santi Domínguez salienta que o Centro de Documentación e Recursos Feministas é unha aposta pola igualdade

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, a concelleira de Igualdade, Iolanda Veloso, e o edil de Cultura, Xesus López, destacaron este xoves que hoxé é "un día moi importante para Vigo" pola posta en marcha do Centro de Documentación de Recursos Feministas no segundo andar da Biblioteca Central. Santi Domínguez salientou asemade que a apertura deste centro amosa "a nosa aposta pola igualdade entre homes e mulleres e a defensa dos dereitos das mulleres".

xoves, 25 mar 2010
1269525103cenrtodocumentacion.jpg
"Este Centro de Documentación de Recursos Feministas non só ofrece a mellor e máis abondosa información sobre temas da muller, senón tamén é un centro de referenza que permite reconstruir o movemento das mulleres de Vigo e Galiza", salientou o tenente de alcalde. Na sua intervención tamén destacou que os fondos están integrados por 8.500 títulos, 150 revistas e 930 pezas audiovisuais, dos que moitos están xa fóra do mercado e descatalogados, polo que ao seu xuízo aínda os fai máis resaltables. "Algúns nin tan siguera están na Biblioteca Nacional de España, o maior centro bibliográfico do Estado", comentou.

Porén, Santi Domínguez sinalou que para chegar á apertura do centro que hoxe tivo lugar "houbo un percorrido previo", e neste sentido expresou o seu recoñecemento á labor de Alecrín, de quen eran propiedade os fondos. Ao respecto sinalou que esta asociación feminista "sempre tivo o respaldo do Concello de Vigo", mediante a achega de axudas municipais e a doación de libros, que contribuíron a ampliar os fondos, "que agora son propiedade do Concello".

O tenente de alcalde agradeceu o traballo de todas as persoas que teñen contribuído a que esta biblioteca "sexa un referente en Galiza, o resto do Estado e incluso América Latina", e en especial á concelleira de Igualdade, Iolanda Veloso, polo seu compromiso e traballo neste ámbito.

Iolanda Veloso explicou que os fondos do centro son froito do traballo e as achegas tanto de mulleres individuais como de colectivos, entre os que destacaou a recomplición realizada por Alecrín nos anos oitenta. "Dende a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Igualdade pensamos que era preciso adoptar as medidas oportunas para poñer en valor estes fondos", destacou na súa intervención.

A concelleira de Igualdade agradeceu a Alecrín a decisión de ceder os fondos ao Concello e ao Consello Municipal da Muller por decidir por unanimidade que a sala da Biblioteca Central na que se aloxa a biblioteca recibira o nome de Centro de Documentación de Recursos Feministas. Asemade, expresou o seu agradecemento a todas as persoas que teñen utilizado estes fondos e ao tenente de alcalde, Santi Domínguez, e ao concelleiro de Cultura, Xesus López, pola "súa implicación neste proxecto".

"Este centro aportará as ferramentas básicas para coñecer a realidade dende unha perspectiva de xénero", asegurou o concelleiro de Cultura. Para Xesus López, a configuración do centro na Biblioteca Central de Vigo é un "complemento fundamental para esta casa e un paso enorme no coñecemento e a dignificación da loita da muller pola igualdade, que a sociedade encargouse de manter oculto".

O concelleiro nacionalista destacou que un obxectivo fundamental deste proxecto consiste en que as instalacións sexan un "centro de encontro e reflexión para a análise e sobre a configuración do coñecemento feminista". Finalmente, agradeceu a Alecrín a cesión dos fondos e expresou os seus parabéns a Iolanda Veloso "polo traballo que está a realizar para avanzar na igualdade entre todos e todas".
Descargar todas as imaxes