Escoitar

Santi Domínguez anuncia que a Vigo Convention Bureau traballa en 7 grandes congresos para o período 2011-2013

O tenente de alcalde e presidente do comité executivo do Vigo Convention Bureau, Santi Domínguez, anunciou este mércores que a entidade xa está traballando en sete grandes congresos para celebrar na cidade no periodo 2011-2013, "con moitas posibilidades de que saian". Na xuntanza que mantivo coas 31 empresas que xa se incorporaron ao Vigo Convention Bureau, e na que tamén participou o xerente Javier Arnau, o concelleiro presentou o proxecto da fundación a outros posibles novos socios e os obxectivos do plan estratéxico aprobado recentemente.

mércores, 24 mar 2010
1269438954empresasbureau.jpg
"Hai seis meses era impensable que Vigo estivera competindo por seis ou sete grandes eventos para os vindeiros tres anos", destacou o tenente de alcalde. Ao respecto, manifestou a súa satisfacción porque a entidade "xa está dando os seus froitos", polo que solicitou o apoio das persoas participantes no evento para que Vigo se constitúa nun "gran referente" do turismo de congresos e negocios.

Santi Domínguez salientou que o éxito do Vigo Convention Bureau radica especialmente en que se está levando "da man do sector implicado e das persoas que teñen a sabiduría que da a experiencia". Neste sentido asegurou que o proxecto contou co apoio do sector turístico dende o primeiro momento e que á súa chegada á Concellería de Turismo comprobou que era unha demanda dos axentes implicados.

Por outra banda, o tenente de alcalde sinalou que o Vigo Convention Bureau conta un instrumento "complementario", como é o Plan de Competitividade Turística. A este respecto salientou que se trata dun "instrumento áxil" capaz de dar resposta inmediata ás necesidades do sector.

O xerente do Vigo Convention Bureau, Javier Arnau, explicou aos asistentes cales son os principais obxectivos do Plan Estratéxico, aprobado polo padroado deste organismo para os vindeiros tres anos. "Vigo é unha cidade espectacular que se pode vender para calquera tipo de evento e en calquera mercado", afirmou Javier Arnau.

Sinalou que a Vigo Convention Bureau se centra na idea de que Vigo é unha cidade cosmopolita e emprendedora, con experiencia "de sobra" para organizar calquer evento nacional e internacional e que conta coa mellora oferta hoteleira de Galiza e as mellores infraestruturas. "E todo isto temos que crérnolo", asegurou. Destacou tamén que outro dos obxectivos fundamenais das actuacións que a Convention Bureau persegue a desestacionalización do turismo, "como complemento do turismo de sol e praia".

Finalmente, fixo referenza aos obxectivos operativos da fundación. Neste sentido mencionou o incremento do 20% do número de congresos organizados na cidade e o 20% dos ingresos nas empresas do sector, así como a presenza de Vigo nas máis importantes feiras internacionais.

Das empresas que xa se integraron na Vigo Convention Bureau figuran hoteis, empresas de organización de eventos, axencias de viaxes, empresas de servizos informáticos, de márketing e publicidade e de cátering, e a elas se uniron tamén a Asociación Agarimo de Turismo Rural do sur da provincia de Pontevedra e a Asociación de Hosteleiros de Vigo, Ahosvi.
Descargar todas as imaxes