Escoitar

O Verbum acolle unha exposición sobre Álvaro Cunqueiro – Fotobiografía Sonora

O museo Verbum-Casa das Palabra inaugura o mércores, día 24 de marzo, a exposición Álvaro Cunqueiro – Fotobiografía Sonora que se poderá visitar ata o 17 de maio.A mostra, inspirada no libro-CD de Ouvirmos, Fotobiografía Sonora de Álvaro Cunqueiro, presenta ao público o lado máis persoal e íntimo do mindoniense a través dunha selección dos seus obxectos persoais, fotografías do seu álbum familiar e incluso o son da súa propia voz.

martes, 23 mar 2010
1269350602cunqueiro.jpg
Álvaro Cunqueiro é un dos fabuladores do Século XX. Recoñecido fóra das nosas fronteiras como un dos grandes valores do realismo máxico europeo, a maior parte do seu corpus narrativo está traducido ao castelán.

A narrativa cunqueiriana está composta por historias imaxinativas e sorprendentes que xa forman parte do imaxinario colectivo galego. Obras fundamentais da narrativa galega contemporánea como Merlín e Familia, as Crónicas do Sochantre, Si o Vello Simbad Volvese ás Illas, Escola de Menciñeiros, Xente de Aquí e de Acolá ou Os Outros Feirantes, recollen esas historias, soñadas ao fío dos grandes clásicos, complementadas cun sentido do humor cheo de matices e impregnadas da nostalxia do paraíso perdido, un paraíso que se intúe detrás das figuras e dos mitos máis intrínsecos da identidade luguesa e que se conta empregando as técnicas propias da oralidade.

Descargar todas as imaxes