Escoitar

O MARCO acolle a Colección Espacio Atlántico da feira de arte contemporánea de Vigo

Espacio Atlántico e o MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, asinaron hoxe xoves 25 de marzo un convenio polo que a feira de arte de Vigo cede en depósito ao centro as obras que integran a Colección Espacio Atlántico, iniciada este ano 2010 coa adquisición de traballos de sete artistas: o brasileiro José Bechara, o portugués Francisco Tropa, os españois Ana Soler e Karmelo Bermejo, e os galegos Misha Bies Golas e Antía Moure. A directora da feira, Marta Scarpellini, e o presidente do Padroado do MARCO e alcalde de Vigo, Abel Caballero, fixeron efectiva a sinatura do convenio na sede do museo vigués, que xa acolle esta colección que se integrará en futuras exposicións.

xoves, 25 mar 2010
1269523703alcademarco.jpg
As obras depositadas no MARCO foron adquiridas na Feria de Arte Espacio Atlántico, celebrada en Vigo entre o 14 e o 17 de xaneiro deste ano. A dirección seleccionou ao MARCO como entidade depositaria, para que a Colección puidese ser disfrutada no principal museo de arte contemporánea da cidade. Unha iniciativa que nace como unha decidida aposta da feira por Vigo e que ao mesmo tempo busca potenciar o coleccionismo de arte actual, cun perfil internacional. Contribúe desta forma a incrementar o patrimonio cultural e a amosar a importancia e rendibilidade social da inversión en arte contemporánea.

A Colección Espacio Atlántico seguirá crecendo en futuras edicións e, se ben naceu de forma modesta, a intención é que a partida orzamentaria se incremente en sucesivas convocatorias. As adquisicións manterán os criterios marcados para as compras que agora integran os fondos do MARCO, tendo en conta os seus intereses expositivos para facilitar na maior medida posible a incorporación na súa programación. En todo caso, serán obras de artistas con proxección internacional, sen establecer previamente acotacións xeográficas nin conceptuais.

Esta colección continuará incrementándose na seguinte edición, que cambia as súas datas de celebración. Así, a edición de 2011 desenvolverase entre o 7 e o 10 de abril, ao considerar que resulta máis axeitado no panorama de feiras internacionais de arte.

Lista de obras
COLECCIÓN ESPACIO ATLANTICO

Autora: Ana Soler
Título: ¿Por qué te vendes?
Ano: 2010
Técnica: instalación de nylon e moedas de 1, 2 e 5 céntimos
Medidas: variables
Adquirido en: Galería Ana Vilaseco, A Coruña

Autor: José Bechara
Título: Gelosía
Ano: 2009
Técnica: emulsión de óxido de ferro sobre cristal e acrílico
Medidas: variables
Adquirido en: Xavier Fiol, Palma de Mallorca

Autor: Karmelo Bermejo
Título: Aportación de fuel a la Costa da Morte
Ano: 2005
Técnica: fotografía, cor
Medidas: 82 x 110 cm
Edición: 3/3
Adquirido en: Maisterravalbuena, Madrid

Autor: Karmelo Bermejo
Título: Aportación de vigilancia al Museo del Prado
Ano: 2006
Técnica: fotografía, cor
Medidas: 82 x 110 cm
Edición: 1/3
Adquirido en: Maisterravalbuena, Madrid

Autor: Misha Bies Golas
Título: Sen título (Serie Artefactos o)
Ano: 2009
Técnica: collage
Medidas: 21 x 30 cm
Adquirido en: Galería Metro, Santiago de Compostela

Autora: Antía Moure
Título: 12:37:54
Ano: 2008
Técnica: fotografía dixital sobre aluminio
Medidas: 73 x 20 cm
Edición: 1/5
Adquirido en: Factoría Compostela, Santiago de Compostela

Autor: Francisco Tropa
Título: Divisão da propriedade
Ano: 2007
Técnica: ferro, trípode, proxector de recorte e filtro verde
Medidas: variables
Adquirido en: Quadrado Azul, O Porto
Descargar todas as imaxes