Escoitar

O tenente de alcalde presenta un proxecto de microbuses eléctricos para mellorar a mobilidade do Casco Vello

O tenente de alcalde e concelleiro de Cascos Históricos, Santi Domínguez, presentou este xoves un proxecto de transporte público para o Casco Vello, integrado por tres microbuses eléctricos accesibles para as persoas con mobilidade reducida e que permitirá a transversalidade no Casco Vello dada a súa "gran capacidade de xiro e de superar fortes pendentes". Na presentación do proxecto, na que tamén participou o concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, o nacionalista afirmou que este proxecto será presentado na convocatoria do Plan E para 2010 de xeito que, se é aprobado, podería poñerse en marcha no primeiro semestre do vindeiro ano.

xoves, 1 out 2009
1254404277microcascovello.jpg
"Rehabilitar edificios é moi importante, así como as actuacións no entramado viario e na súa dinamización social do barrio, pero hai que traballar tamén na mobilidade para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas e atraer máis xente", salientou o tenente de alcalde. O tenente de alcalde salientou que os microbuses eléctricos permitirán "mellorar a partir de xa o problema da mobilidade", posto que é unha "solución flexible que se adaptará á demanda". Asemade, subliñou que estes vehículos terán tamén unha "función turística", xa que nun percorrido permitirán ter unha "visión global do Casco Vello".

Na presentación do proxecto, indicou a existencia de propostas parecidas en cidades portuguesas como Coimbra ou Viana do Castelo e españolas como Madrid, Sevilla, León, Granada e Málaga. Tras visitar algúns destes lugares o tenente de alcalde e o concelleiro de Patrimonio Histórico comproboron que é a solución idonea para contribuir a resolver os problemas de accesibilidade do Casco Vello.
Para poñer en marcha este servizo o proxecto contempla a utilización de tres autobuses máis outro de substitución. Os vehículos estarán dotados de baterías de última xeración, que lles permitirá ter un funcionamento de 12 horas diarias cunha frecuencia aproximada de 10 minutos. A plantilla prevista será de dez condutores

Segundo explicou Santi Domínguez, o posible percorrido dos microbuses sería Praza do Berbés, rúa Real, A Pedra, Praza da Constitución, Chao, Poboadores, Paseo de Alfonso, Cachamuiña, Abeleira Menéndez, Porta do Sol, Praza da Constitución, A Palma, Laxe, Centro Comercial de A Laxe e Praza do Berbés. Ao respecto puntualizaou que calquer veciño poderá solicitar parada tanto para subir como para baixar en calquera punto deste percorrido preestablecido.

O tenente de alcalde explicou que a posta en marcha do proxecto precisa un investimento de 1.200.000 euros, mentres que o mantemento anual é de 320.000 euros. Respecto ao financiamento destacou que este será "un dos proxecto que presentaremos tan pronto como se publique o decreto de convocatoria para o Plan E para 2010". Neste sentido, destacou que o proxecto cumpre todos os requisitos correspondentes ao Plan E de 2010, como son a sostenibilidade económica, a innovación en I+D+i e o servizo público de carácter social. "Gobernar é buscar oportunidades e o Plan E ofrece a posibilidade de presentar este proxecto, polo que sería unha pena non aproveitala", manifestou.

"Tras a súa presentación no marco do Plan E, este servizo se incardinará no transporte público de Vigo", sinalou o tenente de alcalde en resposta aos medios. Asemade, indicou que se está barallando a posibilidade de que sexa un transporte gratuito durante dous ou tres meses, e con precios especiais posteriormente para os residentes no Casco Vello. A idea é que unha vez posto en marcha se integre na rede de transporte público da cidade.

Por outra banda, subliñou que a posta en marcha deste proxecto "non é unha alternativa ao funicular, senón o complemento ideal". Ao respecto sinalou que, cando a Xunta di que este non é un proxecto prioritario "é que non leron o proxecto ou que non entenden nada, porque a súa construción nos permitirá rexenerar o contorno do Berbés e do castelo de San Sebastián". O tenente de alcalde afirmou que "nós seguiremos apostando polo funicular e buscaremos financiamento que non retraiga o investimento que precisamos para o Casco Vello". Así, manifestou a súa confianza de que a actual Xunta manteña a súa capacidade de investimento para o Casco Vello como o goberno anterior, en especial a Consellería de Vivenda e Solo.

No tocante ás restriccións de tráfico na Porta do Sol, o tenente de alcade indicou que en coordinación co departamento de Tráfico se están barallando varias posibilidades, polo que "non hai nada decidido ao respecto". Porén asegurou que haberá dous carrís, un en cada sentido, "tal e como se aprobou o proxecto".
Descargar todas as imaxes