Escoitar
O FAV09, primeiro premio na modalidade de Festivais Aéreos do Exército do Aire

O alcalde recolleu o premio que distingue ao Festival Aéreo de Vigo como o mellor de 2009

Abel Caballero recolleu o mércores no Cuartel Xeral do Exército do Aire en Madrid a distinción que sitúa ao de Vigo como o mellor festival aéreo celebrado en España no ano 2009. No marco da XXXI edición dos Premios Exército do Aire, o alcalde recibiu o Primeiro Premio na modalidade de Festivais Aéreos, un galardón concedido pola calidade e a organización do FAV09, e o xurado valorou en concreto o "inestimable apoio" do Concello de Vigo na súa realización.

xoves, 1 out 2009
1254401903pablo1.jpg
Abel Caballero -quen acudiu a Madrid xunto co organizador do Festival Aéreo de Vigo, Pablo González- transmitiu o seu agradecemento e o dos vigueses e viguesas ao Exército do Aire pola distinción, e agradeceu aos patrocinadores e á cidadanía de Vigo que "se volcara co evento", ata ter acadado este ano a cifra récord de 400.000 asistentes.

Ademais, o alcalde avanzou que xa se está a traballar no Festival Aéreo Internacional de Vigo do próximo verán, asegurou que "redobraremos esforzos para mellorar na edición de 2010", para continuar a ser "referente en España" e posicionalo no "top europeo".

FAV09
O Festival Aéreo de Vigo 2009 foi o máis completo dos celebrados ata o momento, con participación en terra, mar e aire e unha afluencia de 400.000 persoas en Samil o domingo do evento, 19 de xullo.

Vigo acolleu no Festival a presenza de Ramón Alonso, piloto acrobático campión mundial; avións inéditos en Vigo, como o Extra 300 da Armmé do Air ou o Helicóptero de Rescate SAR; e aeroplanos nunca vistos en España, como a Patrulla acrobática italiana Pioneer Team. Tamén sobrevoaron a cidade un F-18, un Harrier, e un biplano Antonov, entre moitos outros.

O FAV09, que se celebrou o pasado 19 de xullo en Samil, contou cun amplo abano de actividades previas. O VERBUM acolleu dous avións do Museo do Exército do Aire, o T-6 e o SuperSaeta, expostos para ser visitados polo público en xeral.

Ademais, habilitouse a exposición da Armada "20 anos na Antártida" no Centro Cultural Caixanova e unha reproducción de avións que participaron no servizo da historia aeronáutica española, mostra esta última localizada en El Corte Inglés.

Ademais, e tamén nos días previos, o público puido visitar a fragata da Armada española F-100, ubicada no Porto de Vigo, e o buque escola Juan Sebastian Elcano, que despregou as súas velas durante toda a xornada ao longo da Ría de Vigo.
Descargar todas as imaxes