Escoitar

O servizo de Coidadores de Barrio, que realizou 6.924 intervencións en cinco meses, terá horario nocturno

O tenente de alcalde e presidente do Consorcio do Casco Vello, Santi Domínguez, deu conta hoxe das novidades que presenta o servizo de coidadores de barrio para os vindeiros mesmes. Entre elas figura a ampliación do seu horario ata as 5 da mañá ata o día 31 de agosto, e o incremento da súa plantilla, de xeito que alcalza os 14 traballadores, co obxectivo de "reforzar a presenza dos coidadores nas zonas eminentemente turísticas".

venres, 12 xuñ 2009
1244812252coidadoresdebarrio.jpg
"Tras os cinco primeiros meses de funcionamento, o servizo de coidadores de barrio continúa ampliando a súa oferta de servizos para a cidadanía e os comerciantes do Casco Vello", destacou o tenente de alcalde. Neste sentido explicou que coa ampliación do horario, "ademais de satisfacer a demanda dos comerciantes, tamén queremos satisfacer ao sector turístico, posto que nos meses de verán se incrementa notablemente o ocio nocturno no Casco Vello". Segundo indicou Santi Domínguez, deste xeito os coidadores de barrio "centraranse nas zonas máis turísticas, para que se sintan acompañados dende o momento que chegan".

Respecto ao incremento da plantilla, o nacionalista subliñou que coas tres novas persoas contratadas "o servizo da emprego a 14 coidadores". Asemade, anunciou a posta en marcha da páxina web do servizo, www.coidadoresdebarrio.es, "para mellorar o contacto directo cos residentes e usuarios do Casco Vello". A páxina está dispoñible en galego e castelán, aínda que Santi Domínguez precisou que no futuro "estudaremos a posibilidade de incorporar outros idiomas, en función da demanda dos turistas". Segundo o tenente de alcalde, trátase dunha páxina "sinxela, pola que é fácil navegar e que permite atopar calquera información sobre o servizo". Engadíu que permite descargar o plano do Casco Vello, coñecer as áreas de traballo no que se divide o barrio, e sobre todo "ofrece a posibilidade de que calquera residente ou comerciante poda solicitar a prestación dun servizo".

Santi Domínguez subliñou que o servizo de coidadores de barrio é unha "peza fundamental na aposta pola rehabilitación integral do Casco Vello", polo que felicitou aos traballadores "porque estamos tremendamente satisfeitos polos resultados acadados". Tamén agradeceu á Asociación de Veciños do Caso Vello a súa colaboración "na posta en marcha deste servizo".

O tenente de alcalde salientou tamén que nestes cinco primeiros meses de funcionamento o servizo realizou un total de 6.924 intervencións, das que 4.716 están relacionadas con desperfectos en edificios, mobiliario urbano, alumeado e averías. Ao respecto, destacou que o 80% destas actuacións xa foron resoltas, mentres que o 20% restante "son de maior calado e moitas delas relacionadas con edificios abandonados nas que é difícil actuar, aínda que estamos traballando para darlle resposta". Ademais, 1.450 intervencións foron servizos prestados ás persoas, "encamiñadas fundamentalmente a mellorar a calidade de vida das persoas", indicou. Entre elas figuran tarefas de acompañamento, axuda a persoas maiores, persoas con discapacidade ou indixentes.

Tamén se realizaron 550 actuacións de carácter turístico, como facilitar información sobre lugares turísticos, gastronomía, hoteis e transporte. Finalmente, Santi Domínguez indicou que as actuacións se completaron con 208 intervencións de axuda e colaboración cos comerciantes do barrio. Aínda que a nivel global o número de incidencias relacionadas con desperfectos é o maior, o tenente de alcalde subliñou que nos últimos dous meses cobran máis peso as actuacións vinculadas cos servizos e o turismo e decrece as relacionadas cos desperfectos.

O presidente da Asociación de Veciñós do Casco Vello, pola súa banda, salientou que o servizo de coidadores de barrio é un "proxecto fundamental como complemento nas actuacións que se están levando a cabo para recuperar o barrio". Explicou que "é unha sorte para nós contar con este servizo e non só para arreglar os desperfectos, senón sobre todo polo trato directo e diario cos veciños e veciñas". Agradeceu ao tenente de alcalde, ao departamento de Patrimonio Histórico e ao Consorcio do Casco Vello "pola posta en marcha deste servizo", así como aos propios coidadores.

Preguntado polos xornalistas sobre a continuidade da rehabilitación do Casco Vello tras o cambio de goberno na Xunta, Santi Domínguez manifestou a súa preocupación "polas noticias que está dando o goberno do PP", en canto que "poñen desculpas de cartos para a depuradora e para o novo hospital". Porén, o tenente de alcalde subliñou que a rehabilitación do Casco Vello "non pode ter marcha atrás e dende o Concello imos seguir apostando por ela". "Confiemos en que a Xunta se seguirá implicando, porque creo que a cidadanía non permitiría que este proxecto se paralice", apuntou. Ademais, lembrou que con outros gobernos do Partido Popular se apostou por outros cascos vellos doutras cidades galegas, "polo que agora lle toca a Vigo", asegurou.
Descargar todas as imaxes