Escoitar

Santi Domínguez inaugura o primeiro Centro Municipal de Servizos Sociais, que atenderá a 75.000 persoas

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e a concelleira de Benestar Social, María Méndez, inauguraron este xoves en Coia o primeiro Centro Municipal de Servizos Sociais construido nun distrito da cidade. Este novo centro, que atenderá unha poboación de 75.000 persoas, aglutina as unidades básicas de atención social de Coia, Castrelos, Navia e Litoral, cumprindo así o obxectivo subliñado polo tenente de alcalde de "descentralizar os servizos municipais, achegándoos á cidadanía".

xoves, 11 xuñ 2009
1244725506centrosociais.jpg
"Dende un goberno municipal se pode apostar por moitas cousas, e o de Vigo opta polos investimentos en benestar social", salientou o tenente de alcalde na súa intervención. Santi Domínguez explicou que as infraestruturas son necesarias, ao igual que o é a recuperación do Casco Vello ou a mellora das instalacións deportivas, pero defendeu que por riba de todo iso "o máis importante é traballar para a xente".

O tenente de alcalde subliñou que "a inauguración deste novo centro é un primeiro paso no obxectivo de achegar os servizos sociais á cidadanía". Sinalou ao respecto que hai "un plan para descentralizar os servizos sociais que é unha aposta decisiva e sen marcha atrás". Para acadar este obxectivo destacou o traballo que a cotío levan a cabo as entidades e colectivos presentes na inauguración. Ao seu xuízo "fan un traballo impagable para atender á xente, xa que coñecen as súas necesidades. Que menos que o goberno municipal corresponda a ese traballo".

As unidades básicas de atención social prestan servizos de información, asesoramento e valoración. Nelas calquera persoa poderá ter acceso á súa asistente social de zona e xestionar calquera servizo que precise, como pode ser a axuda no fogar, atención á infancia ou xestión de axudas, entre outros. A este respecto o tenente de alcalde sinalou que os servizos sociais "son fundamentais nun momento de crise como este", e que é preciso potencialos "para evitar que haxa persoas que non teñen o mínimo para subsistir". Na súa opinión "esta cidade temos que facela entre todos e todas para poder garantir as condicións de igualdade".

Neste sentido destacou o traballo desenvolvido pola concelleira de Benestar Social. En presenza do concelleiro de Patrimonio Histórico, o portavoz do grupo municipal socialista, Carlos López Font, e o concelleiro de Participación Cidadá, Santos Héctor, Santi Domínguez sinalou que cando "hai dous anos tomamos a decisión de que María Méndez se encargara do departamento de Benestar Social, sabiamos que se ía a entregar no traballo para a xente, caladamente, para que as persoas tiveran a atención que se merecen". Porén, expresou as súas felicitacións á concelleira e ao seu equipo "porque eles lles vai a dar vida a este centro".

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, expresou a súa satisfacción pola inauguración do centro. "É un orgullo que por fin Coia, Castrelos e o Litoral teñan un lugar como este que vai contribuír ao benestar da cidadanía", subliñou. Asemade, salientou que este centro é o primeiro que se constrúe nun distrito da cidade, no traballo a prol da descentralización. Por outra banda, agradeceu o traballo desenvolvido polos arquitectos municipais, a empresa construtora, ao departamento de Benestar Social e ao tenente de alcalde "que sempre me animou a traballar neste proxecto".

No novo centro, que supuxo un investimento de 450.000, traballarán seis persoas. Conta con unha zona de recepción e atención, tres despachos para as asistentes sociais, así como outros espazos para a prestación de diferentes servizos da Concellería de Benestar, un salón de usos múltiples e unha sala de reunións e usos informáticos.
Descargar todas as imaxes