Escoitar

Santi Domínguez asina a concesión de 192.000 euros en axudas para a rehabilitar inmobles no Casco Vello

Dentro do plan de rehabilitación do Casco Vello, o tenente de alcalde e presidente do Consorcio do Casco Vello de Vigo, Santi Domínguez, vén de asinar a concesión de axudas para nove proxectos de melloras en diversos inmobles deste barrio histórico por un importe total de 192.199 euros. Os edificios nos que está prevista a execución das obras están ubicados no Paseo de Alfonso XII, na Praza da Princesa, e nas rúas Santa Marta, Real, Cesteiros e Ferreiría.

mércores, 13 mai 2009
Das nove subvencións concedidas polo Consorcio do Casco Vello para levar a cabo as actuacións de reforma, catro se refiren á rehabilitación de fachadas dos edificios, tres á mellora das condicións das vivendas afectadas, unha para acondicionar un restaurante e outra para rehabilitar a fachada dun local comercial. No tocante á mellora de edificios, as axudas teñen por obxectivo ademais da rehabilitación de fachadas, a mellora das cubertas de inmobles ubicados no Paseo de Alfonso XII número 2, no paseo de Alfonso XII número 9, na rúa Cesteiros número 4, e na rúa Ferreiría número 37. O importe de cada unha destas subvencións ascende a 36.000 euros, respectivamente.

No tocante ás tres axudas para mellorar as condicións de habitabilidade das vivendas, unha delas ten un importe de 3.397 euros e as obras se acometerán no baixo do inmoble número 36 da rúa Santa Marta. As outras dúas actuación levaranse a cabo en dúas vivendas ubicadas no número 26, por un importe de 15.600 euros cada unha. Pola súa banda, a axuda concedida ao local comercial situado na praza da Princesa número 3, o Sereo Ciber, ten por obxectivo a rehabilitación da fachada e o importe da subvención é de 3.946 euros.

Finalmente, concedeuse unha axuda de 9.116 euros ao restaurante El Olivo, ubicado no Paseo de Alfonso XII. As actuacións a desenvolver neste local teñen por obxectivo a restitución da fachada conforme ás determinacións establecidas no PEPRI e mellorar as condicións de illamento interior. Estas actuacións enmárcanse na convocatoria de axudas para a actuación en edificios, vivendas e locais comerciais na área de rehabilitación do Casco Vello, que busca acadar a recuperación integral deste barrio histórico da cidade.