Escoitar

Conferencia de Carlos Lema sobre "Eduardo Blanco Amor" no Verbum

O editor Carlos Lema pronuncia unha conferencia sobre Eduardo Blanco Amor o xoves, día 5,ás 20 horas no Verbum, con motivo da exposición "Eduardo Blanco Amor. A ollada do desexo.Obra gráfica 1933-1975" que se está a desenvolver no museo ata o vinceiro 15 de marzo.

mércores, 4 feb 2009
1233754321carloslema1.jpg
Carlos Lema

A partir da obra fotográfica de Eduardo Blanco Amor preténdese detecta-la presenza ou ausencia do desexo como mecanismo a partir do cal traballa o escritor e proxecta a súa ollada o fotógrafo. O fotógrafo, amateur, que desenvolve a súa actividade no ámbito privado, e o escritor, profesional de notoriedade pública.

A literatura, pois, representa o ámbito do dominio, singularmente a obra literaria escrita por
Blanco Amor en castelán, na que asume o discurso literario como expresión de poder. A fotografía, en troques, representa o ámbito da "afección", do desexo que loita coa representación.

Esa dicotomía entre privado e público, dominio e desexo, materialízase tamén na lingua: o idioma galego como lugar no que os discursos aínda non estableceron suficientes recursos de control, o galego como lingua menos formalizada no tempo no que escribiu a súa obra Blanco Amor.

En palabras do autor da Esmorga, "o fondo siñificado dun idioma marxinado, que non dependía dos libros nin da cultura senón que nacía e medraba como as plantas, de seu, vexetalmente, ca mesma pureza".

A conferencia incluirá unha proxeccción comentada dunha selección de fotos de Blanco Amor.

BIOGRAFÍA
CARLOS LEMA (San Sadurniño, 1958) é editor. Entre 1989 e 2001 traballou en Sotelo Blanco Edicións e, desde o ano 2002, é director de edicións de Editorial Galaxia. Colaborou nos xornais Diario de Galicia e El Ideal Gallego, e no seu suplemento cultural Signos, ademais de na Revista das Letras de O Correo Galego, onde se encargou da crítica de literatura estranxeira. Interesado polas relacións entre as literaturas, escribiu o ensaio "Importación e exportación de textos literarios". Prologou e editou A ollada do desexo (Obra fotográfica 1933-1973), de Eduardo Blanco Amor, e é comisario da exposición organizada a partir do devandito libro. É membro do consello de redacción da revista Grial, na que recentemente publicou os ensaios "Trece xeitos de ler (e escribir) poesía" e "Contra a novela (e Apostilas a ‘Contra a novela’)". En 2007 obtivo o Premio Johán Carballeira de poesía co libro O xeito de Freud (Espiral Maior, 2008).
Descargar todas as imaxes