Escoitar

O alcalde garante que os contratados para as humanizacións procederán do INEM de Vigo

Abel Caballero recibiu hoxe mércores aos tres sindicatos -CC.OO., UGT e CIG- para explicarlles como se van investir os 52 millóns que lle corresponden a Vigo do plan do goberno de España. Alcalde e sindicatos mostráronse de acordo en priorizar o emprego e "facer cidade", uns traballadores que procederán das listas viguesas do INEM.

mércores, 10 dec 2008
1228916948sindicatos.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, reuniu hoxe mércores aos principais sindicatos -CC.OO., UGT, e CIG- para explicarlles os investimentos que se executarán cos 52 millóns de euros que xestionará Vigo, dirixidos principalmente a humanizacións, dentro do plan do Goberno de España para a reactivación da economía e do emprego.

O alcalde garantiu aos representantes sindicais que os desempregados que contraten as empresas para as obras procederán do INEM de Vigo, condición promovida polo propio Abel Caballero que se incluirá nos pregos.

Abel Caballero explicou que o goberno local prioriza "facer cidade" e a creación de maior e mellor emprego na cidade dentro do sector da construción. A este respecto, o alcalde afirmou que Vigo conta con 2.100 parados dentro deste ramo de actividade, polo que se condicionará a contratación das obras á inscrición do futuro persoal no INEM vigués.

Ademais se atenderá, expresou o alcalde, á garantía de que os traballadores cumpran cos convenios laborais, que non excedan as súas horas de traballo das oito regradas, algo ao que "imos a estar vixiantes", e que promoverá que "o emprego se reparta" entre as empresas, salientou o alcalde.

Abel Caballero e os sindicatos coincidiron tamén nas posibilidades que ofrece esta inversión como "elemento reactivador da industria do granito", un sector clave da economía viguesa que se está a ver "moi afectada" pola situación económica, explicou o rexedor.

O alcalde subliñou que tamén se procederá á "prevención seria de riscos laborais", que será "a máxima posible". Neste sentido, o mandatario vigués inclusive non descarta encargar esta tarefa aos propios sindicatos.

Na reunión deste mércores, definida polo alcalde de "moi satisfactoria", os sindicatos foron invitados por Abel Caballero a participar nas mesas sectoriais promovidas pola propia Alcaldía para o naval, a automoción, o téxtil, as novas tecnoloxías, o granito e a hostalería. Deste xeito, xa formarían parte das mesmas a administración, as empresas e os traballadores, "a mellor forma posible" de deseñar a xeración de emprego.

150 millóns de euros
Abel Caballero trasladou aos sindicatos os plans de investimento na cidade para os catro anos do mandato, unha cifra que se aproximará aos 150 millóns de euros, o que "multiplica por dez o investido en humanización de rúas nos últimos catro anos", subliñou o alcalde.

O rexedor avanzou ademais que Vigo se acollerá á nova posibilidade dos Concellos españois de endebedarse un 0,2% do PIB estatal, o que suporía para a cidade entre 12 e 18 millóns de euros máis para investimentos, dependendo dos criterios a seguir, orzamentarios ou poblacionais, respectivamente.

O alcalde argumenta esta decisión na necesidade de xerar emprego desde o investimento público, debido ao momento económico actual.
Descargar todas as imaxes