Escoitar

O alcalde anuncia o inicio da construción "das primeiras 8.050 vivendas de iniciativa pública en Vigo"

A Xerencia de Urbanismo deu luz verde ao inicio do planeamento de nove ámbitos da cidade nos que se edificarán un total de 8.050 vivendas, dos que 3.203 serán protexidas. Así o avanzou Abel Caballero este xoves, quen estimou que dentro de tres anos poderían estar rematas as vivendas. O alcalde salientou que "este é o cumprimento dun compromiso político".

xoves, 16 out 2008
1224168918P5050013br.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou hoxe xoves que o inicio do planeamento e xestión de nove ámbitos de iniciativa pública na cidade, que supón a edificación de 8.050 novas vivendas das que 3.203 serán protexidas. Estes ámbitos son Poulo, Peteta, Falcoa, Santa Cristina, Fontes-Pertegueiras -polígonos un e dous-, Troncal, Pontenova e Macal.

O alcalde adiantou que en tres anos poderían estar construídas as vivendas, xa que se precisa dun ano para o planeamento (deseño dos viais, zonas verdes, etc), uns nove meses para a xestión (Xunta de Compensación, expropiacións se é preciso, etc) e a propia execución -privada- dos edificios, que levará máis dun ano.

"Este é o cumprimento dun compromiso político", sentenciou o alcalde, pois "hoxe se inicia a construción de 8.050 vivendas de iniciativa pública en Vigo" e se da "o primeiro paso para a construción de 3.203 vivendas de protección na cidade de Vigo".

No 2009, explicou Abel Caballero, se destinarán 800.000 euros nos orzamentos para iniciar os outros 30 ámbitos de iniciativa pública restantes, e en 8 anos, segundo explicou o rexedor vigués, "se superarán as 12.000 vivendas protexidas con creces".

O alcalde considera esta oferta de vivenda, en especial a protexida, como un "factor de atracción" da xente que vive fóra de Vigo mais traballa na cidade olívica por "carestía de vivenda". Abel Caballero manifestou que confía en que teñan ademais influencia no prezo da vivenda dun modo "inmediato".
Descargar todas as imaxes