Escoitar

Santi Domínguez destaca a Vigofeira, que se celebra do 25 de outubro ao 2 de novembro, como referente da Eurorrexión

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, salientou este mércores que Vigofeira, que se celebrará do 25 de outubro ao 2 de novembro no Instituto Feiral de Vigo, "xa se ten consolidado como referente da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal así como dos países hispanoamericanos". O tenente de alcalde así o subliñou na presentación deste evento, no que estivo acompañado polo xerente do IFEVI, Arsenio Prieto, e o representante da empresa organizadora da feira, Planner Proceltha, Pedro Corbacho.

mércores, 15 out 2008
1224075308Vigoferi.JPG
Santi Domínguez, na súa intervención, lembrou que Vigo está presente nas feiras máis importantes que se celebran ao longo do ano e destacou o potencial da cidade como produto turístico. Ademais, sinalou que "aínda que o obxectivo non radica en organizar un "Fitur 2", si se pretende que Vigofeira "vaia crecendo e sexa un referente importante da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal e dos países hispanoamericanos". De forma paralela a Vigofeira celebraranse Expogalaecia e o Salón Internacional de Gastronomía e Artesanía Expogalaecia, concretamente do 31 de outubro ao 2 de novembro, e ao respecto o tenente de alcalde cualificou "acertadísimo" que Arxentina sexa o país invitado nesta edición.

"Pese ao parón inmobiliario, Vigoferia, o Salón do Moble, Decoración e Interiorismo, nesta 15 edición reunirá a 150 expositores e medio milleiro de marcas", explicou o representante da empresa organizadora do certame, Pedro Corbacho. O salón multisectorial, no que se darán cita empresas galegas, do País Vasco, Valencia, Madrid, Andalucía e Asturias, entre outras comunidades, abrirá as súas portas o sábado, 25 de outubro, ás 11 horas, e pechará o domingo, 2 de novembro, ás 21 horas. De luns a xoves o horario será de 16 a 21 horas e o resto dos días será de 11 a 21 horas.

En canto a Expogalaecia, Salón de Turismo, Gastronomía e Artesanía, nel daranse cita máis dun centenar de expositores, que representan a arredor de 500 institucións, entre as que se atopa a Concellería de Turismo do Concello de Vigo. No seu stand, o público poderá atopar diversas información turística da cidade, así como da súa programación cultural e deportivas. Ademais de Galicia, haberá expositores de Asturias, Cantabria, Valencia, Aragón, Madrid e Castela-León, así como Portugal, Exipto, Grecia, Cuba, Uruguai e Arxentina, que é o país invitado nesta edición da feira, segundo salientou o tenente de alcalde.

Ademais, por quinto ano consecutivo, Expogalaecia porá en marcha a bolsa de contratación turística Portugalicia, que reunirá a axentes de viaxes, touroperadores e compañías aéreas de toda Europa e representantes de empresas do sector turístico de Galicia e o resto do Estado. O obxectivo de esta bolsa, que na edición pasada xerou máis de 600 entrevistas, é organizar unhas xornadas de traballo para permitir a negociación.

Pero ademais de Vigofeira e Expogalaecia, o IFEVI acollerá tamén a Pasarela de Xóvenes Diseñadores, que quere servir de escaparate ás novas promesas da moda, e ao igual que o Salón de Turismo, terá lugar do 31 de outubro ao 2 de novembro. Nesta trece edición, na pasarela daranse cita 33 creadores procedentes de diversos puntos do Estado español así como de Portugal e Francia.
Descargar todas as imaxes