Escoitar

O festival Are More "máis rompedor" iníciase o 30 de outubro coa actuación de Diego el Cigala

O festival Are More 2008, que cumpre a súa novena edición, abrirá o vindeiro 30 de outubro coa actuación de Diego el Cigala no Teatro Salesianos. O ciclo adicado ás mulleres e a homenaxe ao compositor Eduardo Soutullo conforman alunhas das novidades do Are More "máis rompedor", segundo o cualificou o tenente de alcalde, Santi Domínguez, na súa presentación, quen estivo acompañado polo concelleiro de Cultura, Xesus López, a vicerreitora de Extensión Universitaria, Carmen Cabezas, a representante da Fundación Caixa Galicia, Gloria Lago, e o director artístico do festival, Roberto Relova.

mércores, 15 out 2008
1224083666Are.jpg
"Co Are More conseguimos que esta cidade teña unha verdadeira xoia artística", salientou o tenente de alcalde, quen subliñou que o Are More está conseguindo rachar cos muros que rodean a música clásica e achegando a música a todos os públicos. Neste sentido, lembrou a súa emoción co éxito acadado na pasada edición polos concertos para bebés, que este ano terán lugar o domingo 7 de novembro e o luns 8 de novembro no Verbum. O tenente de alcalde salientou o papel de Roberto Relova como alma mater do festival, "porque non podería ter chegado ao que é, sorprendéndonos ano a ano, sen el", explicou. Pola súa banda, o director artístico expresou o seu agradecemento particular a Santi Domínguez, xa que "dende o primeiro momento amosou o seu cariño, afecto e comprensión para desenvolver un festival como o Are More".

Do programa do festival, Relova destacou o ciclo adicado ás mulleres, que comezará o 2 de novembro co concerto de piano de Beatriz Montes nas instalacións do Real Club Náutico, como unha das novidades da presente edición do festival. "Nunca no Estado español se fixo un ciclo adicado tanto as compositoras como as intérpretes de tanta calidade", subliñou. Tamén destacou o ciclo Homenaxes, que renderá homenaxe a Isaac Albéniz e a Eduardo Soutullo, como unha das grandes aportacións da edición do Are More 2008.

"O festival sempre se desenvolveu nunha liña fronteiriza e este ano presenta grandes cambios que veñen da man do seu director", destacou o concelleiro de Cultura, Xesus López, quen cualificou o Are More como "rompedor e vangardista". Ademais do concerto de apertura e a clausura, que terá lugar o 16 de decembro cun Canto Negro Espiritual na igrexa María Auxiliadora, o edil do BNG salientou a mostra de creación musical galega, na que dez compositores galegos amosarán as súas obras. "Podemos falar dunha edición de luxo", sinalou.

A representante da Fundación Caixa Galicia, pola súa banda, salientou que se trata dunha "fantástica edición", mentres que a vicerreitora de Extensión Universitaria, Carmen Cabezas, destacou a aportación simbólica que fai a Universidade de Vigo ao Are More, en tanto que ten un gran "contido formativo referido á formación de públicos".
Descargar todas as imaxes