Escoitar

Medio centenar de Concellos participan en Vigo nun Congreso Internacional sobre praias

Hoxe mércores deu comezo en Vigo o X Congreso e Exposición Internacional de Praias "Ecopraias 2008", tres días de relatorios e actividades que reúne na cidade a 113 representantes de 49 concellos e distintas empresas vinculadas coa xestión dos areais. O alcalde, Abel Caballero, inaugurou o Congreso, no que participará a edil de Medioambiente, Chus Lago.

mércores, 15 out 2008
1224074390ecoplayas.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, inaugurou este mércores no Peirao de Transatlánticos o X Congreso e Exposición Internacional de Praias "Ecopraias 2008", xunto co Presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Paz, e o Presidente da empresa organizadora ATEGRUS, Julián Uriarte.

O alcalde salientou na súa intervención o labor que está a realizar o Concello de Vigo na recuperación das praias e o beneficio que supón estas actuacións no tocante á educación medioambiental da cidadanía. Precisamente, a concelleira de Medioambiente, Chus Lago, participará no Congreso cun relatorio o vindeiro venres sobre a recuperación das praias viguesas.

O Congreso Ecopraias aglutina un total de 113 inscritos, dos que 49 son representantes de distintos concellos de España, como o de Barcelona, por exemplo, ademais de empresas relacionadas coa xestión eficiente dos areais, Consellerías e Universidades.

Os relatorios reflectirán algúns casos prácticos acontecidos en distintos puntos do mapa español -como na costa balear ou no litoral valenciano- e internacional -as costas británicas e italianas-, e diversos aspectos da xestión dos areais como a limpeza de residuos, o aproveitamento dos recursos mariños ou o salvamento e o socorrismo

Este evento ofrece asemade a posibilidade de que todos os visitantes poidan presenciar unha importante mostra de maquinaria exterior xunto cos 19 expositores interiores. O Congreso organiza tamén o concurso Bandeira Ecopraias, no que os participantes poderán colgar nuns murais habilitados ao efecto os carteis das praias que se presentan.
Descargar todas as imaxes