Escoitar

Imaxina Sons converte a Vigo na capital do jazz europeo de vangarda durante dúas semanas

A partir do día 26, onde está prevista a actuación de CLUNIA JAZZ no concerto do seu 25 aniversario, a cidade de Vigo contará cun amplo e variado repertorio de actividades en torno a un estilo musical, o jazz, que vive en perpetua evolución. Boa proba diso é a coincidencia de numerosos artistas galegos nesta edición, seguindo na distancia a estela dun grupo, Clunia Jazz, que abriu o camiño a comezos dos ’80.

luns, 23 xuñ 2008
1214217736logoimaxina.jpg
Tras unhas semanas de actividades previas (proxeccións de cine e actuacións dos grupos das escolas de jazz de Galicia e Portugal) o festival entra de cheo nas actuacións de peso que converten a Imaxina Sons nun referente dos festivais de jazz europeos. Día a día, os escenarios do Centro Cultural Caixanova, o Auditorio Municipal ou o Conservatorio Superior de Música serán o centro de atención dos afeccionados.

Panorama europeo de vangarda
Apostando pola orixinalidade e a innovación musical, Imaxina Sons presenta este ano a figuras do panorama europeo actual como Simoni Guiducci (coa colaboración especial de Nicolae Simion), Stefano Bollani, Barry Guy, Markus Stockhausen e Stefano Scodanibbio ou os Atomic / School Days con Ken Vandermark. En conxunto son todos eles músicos innovadores e novos, que conceden un grande espazo á improvisación e a experimentación sonora.

O público do festival poderá asistir así a un repertorio musical con influencias que van desde a vangardista tradición nórdica aos experimentos lúdico-sonoros máis propios do sur, sen esquece-la pegada de tradicións musicais do leste, particularmente do ámbito balcánico.

Figuras populares
Completan este panorama innovador as figuras máis populares e consolidadas, como cabezas de cartel. Son nomes que xa forman parte da historia da música, aínda que segan de actualidade, como Wayne Shorter. A súa figura resume boa parte da historia musical do jazz nos últimos corenta anos.

Desde outra perspectiva, podemos destacar tamén a Michel Portal, ben coñecido do público europeo pola súa colaboración cos actuais cineastas galos.

Panorama nacional
No panorama nacional, o jazz adopta tamén diversas formas e cores. Experimentos lúdico-musicais como as propostas de Prímital-Santi Ibarretxe, conviven cos ritmos quentes de Machuca Trío, que chegan desde Canarias. Xunto a eles, novos intérpretes, e en moitos casos tamén compositores como Javier Vercher, que están renovando o panorama nacional.

Jazz en Galicia
Mención especial merece a representación galega. Nos últimos anos, unha chea de intérpretes formados nas escolas do país buscaban unha especialización en contacto cos mellores mestres e artistas de calquera ámbito xeográfico. Seminarios, master-class ou becas: todos os instrumentos posibles ao servizo da formación están dando os seus froitos.

En Imaxina Sons poderemos comprobar a realidade das propostas sonoras de Lucía Martínez, Terele Gradín, Manuel Gutiérrez, Marcelino Galán ou Paco Charlín. Obviamente haberá espazo tamén para os solistas, nos concertos programados no Marco e para grupos emerxentes do panorama nacional a través dos concertos programados en sesión nocturna nos distintos pubs da cidade.
Descargar todas as imaxes