Escoitar

Santi Domínguez destaca a recuperación de terreos para a veciñanza na colocación da primeira pedra da piscina de Barreiro

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, salientou este luns a recuperación de terreos para a veciñanza na parroquia de Lavadores durante o acto de colocación da primeira pedra do complexo de deporte e benestar de Barreiro. Segundo Santi Domínguez, as novas infraestruturas, que contarán con tres piscinas, cinco salas de actividades, un ximnasio, dúas pistas de pádel cubertas e vestiarios, entrarán en funcionamento nun prazo de entre doce e dezaseis meses.

luns, 23 xuñ 2008
1214225190piscinabarreiro.JPG
"Hai seis ou sete anos que empezamos a cumprir o sono da veciñanza de Lavadores, de recuperación dos terreos ocupados polo exército", explicou Santi Domínguez, quen subliñou que a colocación da primeira pedra do complexo é "unha enorme satisfacción", posto que supón que pouco a pouco pode verse como nace e se configura este peri Barreiro con distintas instalacións, tendo en conta que a residencia xeriátrica xa está en pleno funcionamento. Na súa intervención, o tenente de alcalde lembrou que o proxecto foi iniciado no goberno anterior, "e nós axilizamos a súa posta en marcha". Neste sentido indicou que o importante "non é quen fai as cousas, senón que se fagan".

Santi Domínguez salientou que a posta en marcha destas novas instalacións, que contan cun orzamento de 9.958.347 euros, representan "un elemento moi importante no noso quefacer nos barrios e nas parroquias de Vigo". Neste mesmo sentido se expresou o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, quen sinalou que este novo centro de auga "vén a subsanar a carencia de piscinas" de que adolecía a cidade de Vigo. "Como concelleiro de Deportes é para min unha prioridade que todo o mundo poida elixir a súa especialidade deportiva".

O complexo deportivo, que terá unha superficie total construída de 5.507 metros cadrados, estará integrado por tres piscinas, unha de uso polivalente, outra de aprendizaxe e outra activa con seis camas de auga e dez postos de hidromasaxe, cinco salas de actividades, unha sala de fitnes, e dúas pistas de pádel cubertas. O edificio preséntase parcialmente soterrado, ofrecendo un edificio no que se destaca o espazo principal, que é o vinculado ás actividades deportivas que se realizan. Trátase, no seu conxunto, non só dun complexo deportivo, senón tamén termal e un espazo para o benestar, tanto para cativos como para adultos, no que a polifuncionalidade é unha das súas principais características. Ademais, as instalacións aproveitarán a luz solar, mantendo a liña da arquitectura sostible e integrada no seu entorno.




Descargar todas as imaxes