Escoitar

O vóo Vigo-Londres-Vigo inaugúrase o sábado cunha ocupación do 70 por cento

A conexión Vigo-Londres-Vigo comeza a operar mañá, 21 de xuño, cunha ocupación no seu vóo inaugural do 70 por cento, segundo anunciaron este venres o tenente de alcalde, Santi Domínguez, e o director xeral de Turismo da Xunta, Rubén Lois. O vóo, que ten prevista a saida do aeroporto vigués ás 17 horas e a súa chegada ás 21.40 horas, será o primeiro das tres conexións semanais entre Peinador e Gatwick, os martes, os xoves e os sábados.<br />

venres, 20 xuñ 2008
1213965834P6200080.JPG
O tenente de alcalde salientou a importancia desta coñexión internacional "para seguir proxectando a Vigo máis alá das nosas fronteiras". Ademais, explicou que unha delegación integrada por diversas autoridades desprazarase ao aeroporto de Peinador ás 16.30 horas para despedir aos primeiros pasaxeiros usuarios deste vóo e comprobar o despegue a pé de pista, do mesmo xeito que estará no aeroporto vigués para recibir á conexión procedente de Londres. Neste sentido, anunciou que Turismo de Vigo agasallará a dez pasaxeiros elixidos aleatoriamente cun fin de semana con todos os gastos pagados na cidade, mentres que a compañía Clickair correrá cos gastos da viaxe.

Santi Domínguez sinalou que esta conexión xa conta con máis de 5.000 billetes vendidos. Ao respecto, indicou que a compañía valora "moi positivamente" a marcha da demanda, que se incrementa considerablemente a partir de mediados de xullo e no mes de agosto, cando a ocupación ronda o 100 por cento. Destacou que en agosto incluso é maior o número de reservas do vóo Londres-Vigo que de Vigo-Londres. "Este dato resulta extraordinariamente importante", salientou, posto que nos ratios de turistas con maior poder adquisitivo, os británicos figuran á cabeza, cunha media de gasto de 80 euros diarios, polo que adiantou que no mes de setembro desenvolverase un acto promocional do vóo en Londres. Este feito tamén foi subliñado polo director xeral de Turismo, a quen o tenente de alcalde agradeu publicamente en nome do Concello o seu apoio "dende o primeiro momento".

Rubén Lois manifestou que é un "pracer" a posta en marcha desta conexión directa entre os aeroportos de Peinador e Gatwick, xa que Vigo, como área urbana de 500.000 habitantes, "deixa de ser unha excepción". Así, lembrou que ata hai uns anos o apoio público estaba polarizado no aeroporto de Lavacolla, "pero os aeroportos galegos son tres, polo que temos que apoiar á tres infraestruturas". Neste sentido expresou o seu compromiso de facer un "esforzo orzamentario" o ano que vén para respaldar novas conexións aéreas con outras cidades europeas.
Descargar todas as imaxes