Escoitar

Unha nova rotonda reordenará desde o venres o tráfico de acceso ao aeroporto de Vigo

O alcalde, Abel Caballero, o concelleiro de Mobilidade, Xulio Calviño, e o Director de Peinador, Antonio García, presentaron este mércores a nova rotonda que se está a construir no entorno de Peinador, que ordenará a partir do próximo venres os accesos á terminal e ao recinto feiral de Cotogrande. O obxectivo é mellorar a fluidez do tráfico sen que os vehículos que se dirixan ao aeroporto desde Vigo teñan que facer un stop.

mércores, 18 xuñ 2008
1213793722aeropuerto.jpg
O alcalde, o concelleiro de Mobilidade e o Director do Aeroporto presentaron este mércores os traballos da nova rotonda que reordenará o tráfico de vehículos no acceso a Peinador e ao Recinto Feiral de Vigo. O próximo venres entrará en funcionamento de xeito provisional, ata que nun prazo de 2 meses estea rematada e construída definitivamente, segundo informou o alcalde.

A rotonda actual se verá ampliada ata a estrada procedente de Mos, convertendo a súa forma en ovalada, para o que xa se está a delimitar o espazo mediante sinalización horizontal e vertical. Así, os vehículos procedentes de Vigo chegarán, como ata o de agora, á rotonda e, unha vez dentro da mesma, poderán acceder directamente ao aeroporto, sen ter que facer un stop previo no xiro á esquerda.

Ademais, e dentro da reordenación do tráfico presentada hoxe mércores, se instalará outra rotonda, de menores dimensións, na estrada do aeroporto. Os condutores que abandonen a terminal, que pasarán a saír por esta estrada en dirección a Vigo, poderán dar o xiro completo e acceder á autopista.

Eliminar o stop para facilitar a entrada á terminal viguesa era un dos principais obxectivos do goberno local, tal e como manifestou o alcalde en reiteradas ocasións. "Melloramos así a fluidez do tráfico rodado nos accesos ao aeroporto de Vigo", salientou Abel Caballero.
Descargar todas as imaxes