Vigo amplía o parque municipal de vivenda coa compra de dous novos pisos para alugueiro social
O Concello investirá 316.000 euros na adquisición dos dous inmobles, que serán incorporados á oferta municipal tras realizar pequenas reparacións.
O alcalde anunciou que a Xerencia de Urbanismo aprobará a adquisición de dous novos inmobles para ampliar o parque público municipal de vivendas destinadas ao alugueiro social, cun investimento conxunto de 316.000 euros.
As vivendas contan con 74 e 73 metros cadrados, respectivamente. A primeira dispón de dous dormitorios e a segunda, de tres. A adquisición enmárcase no programa municipal de compra de vivenda, ao que o Concello está destinando 2,5 millóns de euros.
Caballero explicou que os dous pisos precisan “algunha pequena reparación” antes da súa posta a disposición da cidadanía. Unha vez realizados estes traballos, incorporaranse á oferta de alugueiro social do Concello de Vigo, incrementando así o parque público municipal de vivenda.